1/5/07

Que ganas tiñamos de a coñecer!!!


Do 18 de abril ao 15 de xullo ten lugar na Fundación Caixa Galicia en Vigo unha exposición da obra de TAMARA DE LEMPICKA. A exposición reúne arredor de corenta óleos e tamén debuxos, fotografías e obxectos persoais; percorre a obra de Lempicka desde os seus inicios, ata os anos de decadencia pasando polo período de maior esplendor para a artista.



Nun momento crucial da historia moderna: o período de entreguerras, a artista foi esencialmente a retratista da alta sociedade. Mentres as súas afeccións e afectos convertérona nun icono do modernismo. Tan forte foi a súa personalidade que a súa obra viuse deslucida ata os anos oitenta, momento no que comeza a coñecerse públicamente o seu potente legado artístico. O seu estilo persoal marcado por unha pintura fría pasarán á historia da arte moderna.


Tamara De Lempicka (Varsovia,1898 – Cuernavaca, 1980) iniciou cursos de arte na Academia de San Petersburgo; aos 16 anos, xa casada, chega a París fuxindo dos bolxeviques; alí adscríbese á art deco, na que é considerada a maior representante da área pictórica, e desenvolve un estilo enigmático e persoal, onde pon un gran contraste entre as imaxes angulares e as cores. Convértese na retratista de moda da aristocracia, entre os anos 25 e 30. Dise que utilizou a arte como un medio para escalar socialmente.
Manterá sempre unha posición anticomunista que dalgún xeito reflicte nos seus cadros onde as personaxes retratadas amosan unha certa mirada altiva; parecer ter unha ausencia vital deliberada: non é que foran sorprendidas naquela posición, senón que prescinden do espectador, de quen os mira, porque teñen unha actitude elitista ante o mundo, que reflicte a propia mirada de Tamara. As súas personaxes son frías, distantes, aínda que se deixen ver; gústanse sabérense admiradas, pero rexeitan entrar en contacto co pobo baixo.

Actualmente abondan os recoñecementos á súa obra pero non deixa de ser unha artista controvertida que é acusada de practicar unha arte puramente decorativa, decadente, de ter soidade do perdido esplendor da burguesía da época pero de non posuír a enerxía das vangardas. Porén, algúns críticos cren que a súas obras poden ser comparadas coas de dous grandes do século XX, Léger e Picasso.



Será que ser muller e aparecer nos libros
de arte non é doado?




Se queres saber máis:
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=4385
http://www.tamaradelempicka.it/cover.php
http://www.my-forum.org/descripcion.php?numero=157330&nforo=20682 : estupenda galería de imaxes.

No hay comentarios:

LinkWithin