Mil cinco centos sesenta e tres xoves.
Baixo a consigna ¡Ata a vitoria sempre, queridos fillos! as Nais da Praza de Maio celebran os seus trinta anos de loita. Trinta anos de vida vencendo á morte. Trinta anos de parir outro país. Trinta veces doce meses seguidos, cos seus xoves correspondentes, de volver á vida ás súas fillas e fillos que non están e loitan aínda.

A ditadura militar que gobernou Arxentina entre 1976 e 1983 fixo desaparecer entre 22.000 e 30.000 persoas. Foi tan inhumana a purga, tan profunda a ferida, que as súas consecuencias perdurarán durante xeracións. Aos detidos se lles torturaba atrozmente para despois seren asasinados. As nais non souberon nada ata bastante tempo despois, pero comezaron a súa peregrinación por comisarías e institucións gobernamentais. Neses lugares fóronse atopando e fortalecendo. Decidiron xuntarse para reclamar diante da sé do goberno. Así, foron por primeira vez á praza un sábado 30 de abril de 1977: 13 nais e unha xove que nun principio non quixo dar o seu nome; permaneceron alí ata que un policía as botou. Pero regresaron todos os xoves. Como estaba prohibido o dereito de reunión, agrupábanse de dúas en dúas. Os policías mandaban que circulases, e por iso decidiron dar voltas á praza. Semana tras semana sumábanse mulleres con novas historias de horror: máis panos brancos, máis forza.
Chamábanas as tolas da praza pero acabaron converténdose nas “Madres da Praza de Maio” e o seu berro deu a volta ao mundo. Distínguense usando panos brancos sobre as súas cabezas, os mesmos que anteriormente serviran como cueiros dos seus fillos desaparecidos.A cada nai lle levou un tempo diferente aceptar que nunca recuperaría aos seus fillos. A chegada da democracia en 1983 abriulles unha luz, pero as leis de perdón acabaron coa investigación e o posíbel xuízo aos culpables.

Daquelas 14 pioneiras só quedan 5 con vida. Do brazo, como cada xoves dende hai 30 anos, seguen camiñando. Máis vellas, pero coa mesma forza. Xa bisavoas, pero convencidas de que os seus netos e as súas netas continuarán a loita: reclamo de tres xeracións que non cumpriría se tivese habido xustiza.
Se queres máis información:
No hay comentarios:
Publicar un comentario