Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Letras Galegas. Mostrar todas las entradas

martes, mayo 16, 2017

Un país de palabras



"Estou convencido de que foron esas primeiras vivencias as que determinaron dun xeito absolutamente inconsciente a miña maneira de narrar o día no que descubrin o pracer de observar o mundo e de contalo. Desde o primeiro momento, sen reflexión previa de ningún tipo, cunha inocencia que me gustaría ter conservado ata o día de hoxe, pero que xa non resulta posible manter, entendín que a substancia do relato non estaba nin na orixinalidade da historia nin no carácter insólito do final, senón nas pequenas miudezas descritivas e na súa xerarquización gradual e ordenada". (Páx.141,142)

Un país de palabras de Carlos Casares, Ed.Galaxia,Biblioteca Carlos Casares,nº 13,Vigo,2006.

lunes, mayo 09, 2016

Sei o que vale un verso

" Sei que todos os versos do mundo
non valen o que vale un home,
o que vale
o berro dolorido dunha nai,
o bico apaixonado dos amantes
ou o tenro recendo dunha flor.
Sei que os versos non valen
pero sigo escribindo sen parar.
Sigo escribindo con carraxe,
entusiasmo e paixón
por se acado algo de poesía
-unha folliña só que move o vento-
entre a faramalla das miñas
pobres verbas desnortadas.


Un verso nunca vale
o que vale o chío dun paxaro,
nin ten a forza dun río
ou o poder arrepiante dunha bala.
Pero eu sigo fiel,encadeado
á música amorosa das palabras ".

 De Remol, Manuel María (Poemas escollidos).

lunes, mayo 18, 2015

Libros na rúa

Con este título, Libros na rúa, tentamos celebrar o Día das Letras Galegas, facendo un pequeno mercadillo de libros nunha actividade colaborativa entre o Concello de Silleda, a Biblioteca Pública e os centros educativos da nosa comarca. Todo un éxito, tal e como podedes ver nas fotografías que fixemos esta mañán. 
  Agradecemos a todos a súa axuda (Concello, alumnos dos Ciclos, voluntarios...) e agardamos seguir organizando no futuro este tipo de iniciativas.







lunes, mayo 06, 2013

Letras Galegas 2013


"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas."

Roberto Vidal Bolaño.


lunes, mayo 28, 2012

De Balbino a hoxe

A semana pasada tivemos a sorte de contar en Silleda coa visita de Xosé Neira Vilas, todo un privilexio. Tomamos boa nota das súas palabras e foron moitas as preguntas sobre a súa obra que lle plantexamos no noso centro, sobre todo os alumnos de 2º de ESO que están a ler nestes momentos Memorias dun neno labrego. 


  Tamén asistimos á presentación do libro do noso compañeiro Xoan Carlos García Porral, De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea galega.

martes, mayo 31, 2011

Letras Galegas 2011

Amosamos a continuación un pequeno resumo das actividades que fixemos no noso centro para celebrar o Día das Letras Galegas. Queremos agradecer moi especialmente a implicación do Departamento de Galego , sobre todo de Nati e Ana, nos traballos desenvolvidos, e a de todos os alumnos que contribuiron na lectura de poemas.

Letras Galegas 2011 on PhotoPeach

martes, mayo 17, 2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro (III)


ACRÓSTICO

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivira

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fixen un interludio
atroz entre dous muros de silencio


só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

substituindo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.

lunes, mayo 16, 2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro (II)


Como parte das actividades que se farán no noso centro co gallo do Día das Letras Galegas, un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato recitará algúns versos de Lois Pereiro, o autor homenaxeado este ano. Iremos publicando no blog algúns dos poemas seleccionados.

DECLARACIÓN

Amarte, vida, amarte case sempre,
inda que sexas dura e leves entremedias
piedade e odio intermitentemente.


Es ti a que sempre educas e aceleras
a doenza letal dos que non se resignan
a ignorar como es en realidade:
somentes un traxecto
cómodo e aldraxante cara á morte,
un tránsito inútil e innecesario.
Pero a ignorancia salva ós que non quere
arriscarse e perderte tan axiña
a cambio da renuncia a profanarte.
E aqueles dentes que perdín
precisaríaos agora para defender
as conviccións nas que me reafirmo.
Solidario e amable, se é posible,
ou lobo estepario no desterro,
contemplarei o círculo insurxente
coas balas do desexo.

sábado, abril 09, 2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro


Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.

Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)

miércoles, diciembre 22, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (XII)


Comezamos este ano cuns versos de Uxío Novoneyra, autor a quen se dedicou o Día das Letras Galegas 2010, e queremos volver tamén aos seus poemas para desexar a todos un Bo Nadal e un Feliz Ano 2011.

"NEVA e non leva.
Anque o ceo amoia
o silencio aboia.
Neva como eu poño
naquil poema neva.


Falopiña a falopiña
van branqueando a cortiña.
Cada miniña o seu soño...
cada copo a súa flairiña..."

De Os Eidos .

sábado, noviembre 13, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (XI)

"CHOVE
e sólo o quedo se move,


..................................................


Procedencia da imaxe

Enviso n'algo que non deixo
eu teño su beirado
da cabana o xeito calado
do val na follata de freixo
e rebolo i as silvas cargadas
de pingoadas ..."


De Os Eidos

sábado, octubre 30, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (X)

"Un ceo aneboado entre azul que trasluce.

Procedencia da imaxe

Toda frustración súmase a ese ceo
e parece que non hai máis que eso

cando inda onte
un paxaro cantaba tan seguro cantaba un paxaro".

De Poemas da doada certeza.

martes, septiembre 14, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (IX)

"VEO o tempo morno do Outono
Os días son tardes longas
O aire é unha cousa ...

Todo ten ise xeito:

os tesos

os camiños que se van

no serán do val

os soutos

alumados d'ouro

eu quedo

ollando o mofo..."

De Os Eidos


viernes, julio 09, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (VII)

"VEO o tempo craro do Vrao: as festas i os traballos
Veo a lúa das segas i a gadaña dos prados
os gavilleiros as medas i o troupelear dos mallos"

De Os Eidos.

miércoles, junio 23, 2010

Letras Galegas 2010:Uxío Novoneyra (VI)

"FONTIÑA do Carabel.
Auga branca
nacida ó pé dunha faia
teñe que ter bon beber.

- Toma
pon de calexa esta folla.
Aséntaa ben no buraco
e préndea cunha pedra.

Qué fontiña máis pequena!
Sécase dun sorbato.

Fontiña do Carabel
que das xusto o que un pode beber! "

Os Eidos

jueves, mayo 13, 2010

Letras Galegas 2010

Dende a Biblioteca quixemos sumarnos as moitas homenaxes que estes días estanse facendo dende o mundo da cultura a Uxío Novoneyra, autor ao que este ano vai dedicado o Día das Letras Galegas.
Queremos agradecer a axuda prestada polo alumnado do noso centro nesta actividade.

Letras Galegas 2010 on PhotoPeach

jueves, mayo 06, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (V)

" LUA da xeada!

Faise brasa a leña da ragoada
faise cinsa a brasa
degráñase o millo
fiase o liño mada a mada
ca luz do murillo.

O fuso de lonxe. O fuso de lado.
A roca á illarga. O corpo delgado.

Fiaraza a fiaraza
faise a baraza
baraza a baraza
faise o nuvelo
nuvelo a nuvelo
faise o mantelo".

De Os Eidos

martes, abril 27, 2010

Letras Galegas 2010: Uxío Novoneyra (IV)

" VALIAS xa somente amiga
polo que me costa non terte
i andar a soledá nemiga.


Valías xa somente amada
polo que me costa perderte
e ficar a soledá tornada".


De Os Eidos