16/5/07

Letras

Hoxe celebramos as Letras Galegas, de xeito especial, como poderedes comprobar na nosa páxina web, pero o noso desexo é que non exista a necesidade deste día porque as Letras Galegas son todos os días do ano.
E porque non é só o idioma o que está ameazado senón a nosa propia capacidade lingüística. A lingua é produción, produce COMUNICACIÓN, produce PENSAMENTO, produce CAPACIDADE POÉTICA, produce GANANCIA e BENEFICIO, prodúcenos como HUMANOS, prodúcenos como FELICIDADE.

A casualidade, ademais, quixo reunir na mesma data a celebración do Día das Letras Galegas e mais o Día da Internet.




Quizais sexa o momento de reflexionar sobre a nosa identidade e cultura na Rede. Porque nesta sociedade globalizada Internet vai universalizar, fronte aos que poñen barreiras, a nosa Literatura, a nosa lingua, a nosa cultura... E Internet debe significar, tamén para a nosa cultura e para a súa expresión, que é o Galego, un punto importante de apoio e de desenvolvemento xa que poden ser máis coñecidas e practicadas a cultura e o idioma.
En palabras de María Yáñez: "Nos últimos tempos, a nosa lingua está flipando. Cando todos a daban por moribunda, cerimonial e rural ou bloqueira, e ata ela mesma o cría, resulta que un exército de liposomas a está a remozar e a darlle un novo esplendor. Moitas son as marabillas que nos deu a rede, pero unha das últimas e máis importantes é o paso da comunicación privada ao espazo público. Non moito máis ca iso é o fenómeno dos blogs".

E aquí estamos, nun blog, en galego, un blog dunha biblioteca, todos os días do ano. Porque a nosa lingua é sen dúbida ningunha o sinal de identidade do noso pobo, aquel que nos define, que nos fai diferentes. Non se pode defender un país se non se defende a súa lingua. E un país non medra se non ten cultura. E porque cremos en ambas cousas, seguimos a escribirvos, coa esperanza de que nos leades, de que nos compartades, de que nos axudedes a medrar.

1 comentario:

Anónimo dijo...

E seguiremos escribindo, lendo e compartindo en Galego!!

LinkWithin