jueves, mayo 10, 2007

A xenerosa loita dunha Nobel da PAZ

Wangari Maathai, a primeira muller en África en recibir o Premio Nobel da Paz, foi recoñecida polo seu esforzo ambientalista, ao contribuír ao desenvolvemento social, económico e cultural ecoloxicamente viable no seu país Kenia e ese continente.

Wangari Maathai é un nome ben coñecido no mundo ecoloxista. En Kenya en 1977 comezou a plantar árbores un a un, movemento que foi medrando e converteuse no internacionalmente coñecido Green Belt Movement (GBM, Cinturón Verde), que lle ten reportado moitos premios, dos cales sen dúbida o máis importante foi o Premio Nobel da Paz de 2004, nova moi ben acollida polos grupos ecoloxistas de todo o mundo.
A pesar de ter afrontado duros encontronazos co goberno ao longo dos anos –mesmo foi encarcerada polo seu traballo e pola defensa da democracia e os dereitos das mulleres e os pobres– o GBM sobreviviu. En 1986 expandeuse ao Pan African Green Belt Network, e ata agora viu como se plantaban 30 millóns de árbores en granxas, escolas, bosques e outros terreos públicos, levando vida a zonas a menudo desertificadas. O seu programa está integrado especialmente por mulleres, combinando desenvolvemento comunitario e protección medioambiental.
Wangari Maathai logrou esquivar un destino que lle deparaba como moito un papel de ama de casa; pero logrou licenciarse en Bioloxía en Estados Unidos e desde o ano 2003 ser Ministra de Medio Ambiente de Kenia. A súa vida está marcada pola loita, loita que ela mesma relata na biografía que esta semana saíu á venda e que TES NA BIBLIOTECA. Nestas íntimas memorias, a activista fala da súa humilde familia, os seus estudos, a súa loita contra a deforestación e, finalmente, o recoñecemento internacional.
Cousas que nos chaman a atención da súa biografía: O marido deixouna porque era “demasiado educada, demasiado exitosa e demasiado obstinada para ser controlada”. Ou a súa propia afirmación: “Non tardei moito en darme de conta de que podía facer canto me propuxera, se non fose porque era negra e muller”. Loitou no seu país contra frases como as emitidas polo mesmo presidente: “As mulleres tedes o cerebro tan pequeno que non sodes capaces de conseguir o que deberiades”. Cando lle dixeron que lle fora outorgado o Premio Nobel da Paz celebrouno plantando unha árbore: “Cando planto unha árbore, planto tamén ideas que coma estas crecen para mellorar a vida dos individuos e do noso planeta. As árbores son parte esencial da miña vida”.

No hay comentarios: