sábado, mayo 19, 2007

Memorias de Idhún

Unha das nosas alumnas máis lectoras, Ana Corral, de 2º de bacharelato, recoméndanos a triloxía Memorias de Idhún. Os libros da nosa biblioteca botarana en falta o ano que vén!

Memorias de Idhún é unha triloxía escrita pola española Laura Gallego na que narra de xeito fantástico as aventuras cheas de amizade, amor, morte e traxedia dun grupo de amigos que teñen que loitar contra as maléficas criaturas que ameazan con someter o seu mundo.


1.- La Resistencia. Situada no noso mundo, cóntase como Jack, un rapaz normal,perde os seus pais nun asasinato realizado por estraños seres; é salvado da fría e azul mirada do que se ía converter no seu asasino por un home que o leva a Limbhad, onde o tempo non transcorre. Alí únese á resistencia, formada por un mago, un cabaleiro e unha xove rapaza española; os dous primeiros proveñen dun mundo afastado chamado Idhún, asediado polos sheks. A súa misión é atopar o último dragón e o último unicornio ata que descobren que Jack e a rapaza (Vitoria) albergan as súas almas.




2.- Tríada. A acción ten lugar no mítico Idhún, a onde o último unicornio e dragón volven para salvar esa terra. Unha vez alí son recibidos con éxtase xa que a profecía prevé que eles rematarían co reinado de horror de Ashran. Loitas, odios e traizóns desátanse á par que se forxa o triángulo amoroso entre o shek (o cabaleiro), o unicornio (Vitoria) e o dragón (Jack). A balanza de loitas decántase a favor dos rebeldes, que encabezados pola Tríada, vencen a Ashran. O final non é alentador, posto que o unicornio é ferido de morte.




3.- Panteón. O unicornio recupérase pouco a pouco. O vínculo afectuoso entre os tres aumenta e o shek e o dragón, inimigos mortais, comezan a aceptar que van compartir a mesma muller. Porén, é a parte máis sombría por todo tipo de catástrofes naturais. Os tres heroes deberán enfrontarse a algo máis grande ca eles, ademais de á incomprensión dos seus amigos ante un amor, por parte de Vitoria a dúas bandas, que non está ben visto.






Esta saga fantástica é un excelente entretemento para todos aqueles amantes das lendas e da maxia. O mundo de Idhún, confeccionado con coidado e con gran imaxinación fará que mergullarse nas súas lendas sexa algo inesquecíbel.

No hay comentarios: