lunes, octubre 29, 2007

TEMPO DE SAMAÍN...


A noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta e a súa festa en honor dos difuntos, marcando a transición do outono ó inverno.
Nesta noite, un pobo con fondas crenzas religiosas relacionadas coa inmortalidade da alma, provintes da noite dos tempos, cunha preocupación natural polos queridos difuntos expostos ó frío e á escuridade do inverno, á intemperie e á tristura dos camposantos, buscou, e atopou un mecanismo de reparación: preparando alimentos e agasallos os parentes vivos, para os parentes mortos, sería posible que as ánimas dos parentes finados voltasen a visitar ás súas familias e ás súas vellas casas para comer nas mesas e para quentarse ó carón do lume da lareira.

Contra os matóns...xoga!


Hai un novo video-xogo titulado "FearNot".
¿Sabes de que vai?
Iremos informando...
Un chisquiño de inglés para ir mirando:
"The FearNot! application software (Fun with Empathic Agents to Achieve Novel Outcomes in Teaching) developed during the project aimed to enable children to explore physical and relational bullying issues and coping strategies through empathic interactions with synthetic characters. In order to achieve these objectives, FearNot! provides children with various scenarios about bullying behaviour, that promote engagement and believability with synthetic characters in a social interaction."

martes, octubre 23, 2007

Día das bibliotecas


O 24 de outubro celebramos, tamén no IES Pintor Colmeiro, o Día da Biblioteca.
Hai algún motivo para entrar nese espacio?
Ocórrensenos algúns:




  1. Podes facer os deberes alí

  2. Estás ao quentiño

  3. Hai conexión a internet

  4. É un bo sitio para descansar

  5. Hai dvd's que podes levar para a casa

  6. Tamén hai revistas

  7. Libros non faltan

  8. Ás veces, regálanche marcapáxinas

  9. Hai xogos, como o xadrez, o scrabble, etc



Estas son declaracións de catro bos afeccionados: David, Martín, Ana e Loli.

sábado, octubre 20, 2007

Este ano facemos o camiño...


Seguro que a imaxe de ducias de peregrinos atravesando Silleda xa non nos sorprende. É algo que xa forma parte do cotián. ¿E nós? ¿Cando nos poñemos en marcha para ver como é? ¿Paga a pena atravesar esta liña imaxinaria debuxada sobre o mapa do Concello? ¿Coñecemos con detalle o seu percorrido? Este curso queremos animarvos a vivir esta nova experiencia. Primeiro, coa preparación teórica precisa, buscando datos e mapas na biblioteca, e despois, se vos animades, facendo algunha etapa da chamada “Ruta da Prata”.
Recollemos a continuación o testemuño dun peregrino ourensán, que a fixo integramente, en bicicleta, dende Sevilla:

“Dende Bendoiro báixase ata o río Deza pola ponte medieval, orixinariamente de madeira, chamado Ponte Taboada, que servía de calzada romana e posteriormente de Camiño Real, como atestiguan as pedras do seu firme. Así pois a dura subida despois da ponte faise practicando o que ultimamente é moi común: o "empujing".
Chégase a Silleda por unhas carballeiras frondosas e verdes, as veces auténticos túneles que impiden a conexión do GPS cos seus satélites colegas. Unha vez en Silleda, refrixerio e preparación de limonada. De Silleda báixase ata Bandeira, todo correcto, máis árbores pero empeza a cobrar protagonismo o asfalto ata o final, tanto en forma de estrada como de pista asfaltada. Tremenda baixada dende Bandeira ata Piñeiro e despois un sube-baixa rompepernas ata que empezo a descender cara Ponte Ulla.”

Podedes atopar a ruta completa, contada día a día, no seu blog:

http://viadelaplata-calan.blogspot.com/

Por certo, para comezar cunha pregunta.
¿SABEDES CANTOS QUILÓMETROS COMPRENDE EN TOTAL A CHAMADA “VÍA DA PRATA”?

lunes, octubre 15, 2007

Un pouco de natureza...


Este ano queremos que a Biblioteca tamén sirva para estudiar mellor o noso entorno natural.

Desexamos poñer en práctica un novo proxecto para coñecer as árbores de Silleda, de Galicia e do mundo. E imos empezar por un reto ben difícil: descubrir o nome dunha árbore.

Para conseguilo imos deixar algunhas pistas:

1) O seu nome científico é brosimum alicastrum

2) Medra especialmente en Centro-América.

3) En español leva o mesmo nome que certo profesor do noso centro.

4) Pode acadar os 45 metros de altura.´

5) É da familia das moráceas, (o seu froito son moras).

6) Fíxate ben na foto.

Se te animas a anticipar unha resposta introduce un comentario.

domingo, octubre 07, 2007

Auga

Resulta sorprendente, mesmo para o persoal máis techie, que moitos dos elementos estrela das tecnoloxías da comunicación conten apenas cuns meses de existencia. É o caso do YouTube, un portal que naceu no 2005 e que, a pesar diso, leva xa tempo sendo unha referencia mundial no sector da publicación de vídeos en internet.
De todas formas, YouTube non está só. Hai outros servizos similares dos que poderás facer uso á hora de publicar as túas creacións: Google Video, Stage6, etc. Calquera deles ofréceche a posibilidade de compartir na rede as túas producións audiovisuais. Unha revolución, sen dúbida.
Boa parte do material que se aloxa en YouTube e cía encaixa na etiqueta de vídeos caseiros. Poñamos por caso que gravas un anaco dun concerto co teu teléfono móbil. Tan só necesitas descargalo ao ordenador, editalo minimamente (ou nin eso) e subilo á rede para que calquera persoa conectada a internet acceda a el.
É obvio que esta tecnoloxía dá para máis. Hai moitos creadores/as que atopan nestes servizos unha plataforma ideal para dar a coñecer os seus traballos. A esa categoría pertence Auga, o vídeo que che traemos hoxe. Auga é a segunda curtametraxe dirixida por Ozo, un mozo vigués que conta cun extenso currículo como auxiliar e operador de cámara, script, atrezo e axudante de dirección en diversas producións cinematográficas e televisivas.
Estás preparada/o para pasar algo de medo?

martes, octubre 02, 2007

Maria Callas



O 16 de setembro cumpríronse trinta anos da morte da mítica soprano grega Maria Callas. Unha muller perseguida por múltiples complexos ao longo da súa vida (aspecto físico, filla non querida, muller non amada...) pero que conseguía que ninguén pestanexase en canto puña un pé no escenario.
Aínda que na nosa biblioteca non teñamos moito material sobre a Callas, si que poderedes acceder na rede a páxinas interesantes sobre a cantante grega. Pese a que aínda non apareza na Wikipedia galega, si que atoparás información na portuguesa, na castelá, na inglesa ou na francesa.
Propómosche que escoites "O mio babbino caro" (Meu querido papaíño), unha breve aria da ópera de Giacomo Puccini (quen estará de aniversario o próximo ano) Gianni Schicchi, na que Lauretta lle implora ao seu pai para que a deixe seguir adiante no seu amor por Rinuccio.

sábado, septiembre 29, 2007

Un libro para volver as clases, con outra mirada.


Título: De camino a la escuela: como son los escolares en otras partes del mundo
Autores: Anne Bouin, Sandrine e Alain Moreno.

Editor: Edicións SM.

Xa temos veciños de todas as culturas: latinoamericanas, orientais, árabes, africanas ... Unha forma de que os nenos coñezan e comprendan aos seus novos compañeiros de colexio e de porta é lendo instructivas historias sobre novos mundos.


Un libro regalo comprometido coa educación e a diversidade. Para toda a familia.

Imos ao teatro?


Gran estrea no Salón Teatro de Compostela o 28 de setembro!!


Quico Cadaval dirixe para o CDG "Noite de Reis", tentando ser fiel á obra de Shakespeare.

O contacontos, actor e dramaturgo Quico Cadaval (Ribeira, 1960) estreará como director para o CDG a obra Noite de Reis, unha comedia de William Shakespeare na que "os instintos amorosos se desatan".
Cadaval explicou, nunha entrevista con Efe, que os personaxes que aparecen no Salón Teatro de Santiago de Compostela "son fieis á obra de Shakespeare" e comparounos cunha historia máis ou menos coñecida.
"A Raineiro, o neto dun pirata que vivía en Mónaco, íalle mal un negocio que montara cun contrabandista grego chamado Onassis", dixo.
Engadiu que "foi entón cando coñeceu unha moza da aristocracia bostoniana que triunfaba no cine, nos momentos felices de Hollywood nos que fornicaban todos con todos" e que neste contexto a parella "casa e monta un conto de fadas".
O director apuntou que Raineiro sería o equivalente ó duque de Orsino de Noite de Reis e Olivia, a muller á que ama Orsino, "un pouco como Carolina de Mónaco, a princesa triste que está de loito ata que alguén fai que cambie de idea". Para Quico Cadaval, este espectáculo é "un canto á vida" pero recoñeceu "que ten perigos e perdedores" e apuntou que trata fundamentalmente "das estupideces que se fan por amor".

miércoles, junio 27, 2007

Ímonos de viaxe!

Tempo de lecer, tempo de viaxes. Xa nos gustaría coñecer todos estes lugares marabillosos, pero o mellor xeito é sempre a través dos libros. Porque un libro é a mellor viaxe, e a nosa imaxinación o máis forte dos poderes. Entrementres, ollade canto nos queda por coñecer!



Cool Slideshows!

sábado, junio 23, 2007

Tristes armas, tristes, tristes.

Lorena Ares Troitiño, de 1º de ESO, recomenda este libro porque…
Tristes armas gustoume moito. É un libro moi bonito onde se conta a historia de dúas rapazas que se teñen que separar de seus pais para marchar a Rusia a salvo da guerra civil española. A historia de dous rapaces namorados que non se atreven a declararse. A dunha muller que sofre a morte do seu home e ten que fuxir do país. Máis historias…
Tamén me gustou a forma que ten a autora de expresar os sentimentos dos personaxes e ademais podemos coñecer un pouquiño de historia sobre a guerra civil española, quen se enfrontou, cando e como…

Tristes armas
Marina Mayoral
Xerais

jueves, junio 21, 2007

Empoemémonos (IX)

Estertores finais… risos e bágoas entre cancións, miradas, complicidades… Rematou o curso. Rematou un longo inverno de estudos e amizades. Algúns de vós estades ledos, outros menos. Algúns pensades en canto tempo vai pasar sen ver aos compañeiros de todos os días, outros pensades que aínda nas vacacións tedes que estudar…
E nós seguimos empeñados en empoemarnos. Seguiremos aquí no verán, para que cando teñades un oco abrades o noso blog e vexades que nel seguimos a vos contar qué libros nos gustan, qué poemas vos recomendamos, qué noticias nos preocupan. O blog non marcha de vacacións, paseará ao voso carón antes de irdes á piscina, á festa, a pasear. Lembrade que a biblioteca do Colmeiro respira para fortalecer os vosos pulmóns, bombea o sangue necesario para que os vosos corazóns sigan a sentir todas as emocións do mundo. Lembrade que no verán poderedes levar os libros a todas partes, porque hai mil xeitos de ler a vida.
O noso agasallo deste semana é o poema DESPEDIDA de Jorge Luis Borges:

Entre mi amor y yo han de levantarse
trescientas noches como trescientas paredes
y el mar será una magia entre nosotros.

No habrá sino recuerdos.
Oh tardes merecidas por la pena,
noches de esperanzas de mirarte,
campos de mi camino, firmamento
que estoy viviendo y perdiendo…

Definitiva como un mármol
entristecerá tu ausencia otras tardes…

miércoles, junio 13, 2007

Smara

Unha das nosas xoves devoradoras literarias, Beatriz Espiño Fuentes (irmá da nosa inesquecíbel Hadriana), de 1º de ESO, recomenda este libro porque...

Gustoume este libro porque nos informa sobre os costumes, tradicións, modos de vida… doutras culturas e países. Tamén nos ensina a boa relación que pode existir entre un neno e unha persoa maior. Aínda que o que máis me entusiasmou e intrigou foron as historias da Avoa Ugaga. Recoméndollo a todos aqueles a quen lles gusten as historias fantásticas.
Smara
Paula Carballeira
Kalandraka

martes, junio 12, 2007

Noite de voraces sombras

Karina González, de 4º de ESO recomenda este libro porque...
É un libro moi interesante, de feito creo que é un dos meus libros preferidos, xa que combina a intriga co amor, chegando ata á Illa de San Simón grazas a cartas que a protagonista topa.
Informános ademais sobre feitos reais que ocorreron na Guerra Civil e as pésimas condicións de vida dos presos
Noite de voraces sombras
Agustín Fernández Paz
Xerais

domingo, junio 10, 2007

Despedida. Empoemémonos (VIII)

Pasa tan axiña este tempo tristeiro! Buscando poemas de título DESPEDIDA topamos tantos que este mes de xuño decidimos que todos levarán este título. E aínda que amargas, todas diferentes, comprobádeo xa con LÊDO IVO (Vals fúnebre para Hermengarda)



Heme aquí junto a tu sepultura,
Hermengarda,
para llorar carne pobre y pura
que nadie de nosotros vio pudrirse.

Otros vendrían lúcidos y enlutados,
sin embargo yo vengo borracho,
Hermengarda, yo vengo borracho.
Y si mañana encuentran la cruz
de tu tumba caída en el suelo
no fue la noche, Hermengarda,
ni fue el viento.
Fui yo.

Quise amparar mi ebriedad en tu cruz
y rodé por el suelo donde reposas
cubierta de margaritas, triste todavía.

Heme aquí junto a tu tumba,
Hermengarda,
para llorar nuestro amor de siempre.
No es la noche, Hermengarda,
ni es el viento.
Soy yo.