Resulta sorprendente, mesmo para o persoal máis techie, que moitos dos elementos estrela das tecnoloxías da comunicación conten apenas cuns meses de existencia. É o caso do YouTube, un portal que naceu no 2005 e que, a pesar diso, leva xa tempo sendo unha referencia mundial no sector da publicación de vídeos en internet.
De todas formas, YouTube non está só. Hai outros servizos similares dos que poderás facer uso á hora de publicar as túas creacións: Google Video, Stage6, etc. Calquera deles ofréceche a posibilidade de compartir na rede as túas producións audiovisuais. Unha revolución, sen dúbida.
Boa parte do material que se aloxa en YouTube e cía encaixa na etiqueta de vídeos caseiros. Poñamos por caso que gravas un anaco dun concerto co teu teléfono móbil. Tan só necesitas descargalo ao ordenador, editalo minimamente (ou nin eso) e subilo á rede para que calquera persoa conectada a internet acceda a el.
É obvio que esta tecnoloxía dá para máis. Hai moitos creadores/as que atopan nestes servizos unha plataforma ideal para dar a coñecer os seus traballos. A esa categoría pertence Auga, o vídeo que che traemos hoxe. Auga é a segunda curtametraxe dirixida por Ozo, un mozo vigués que conta cun extenso currículo como auxiliar e operador de cámara, script, atrezo e axudante de dirección en diversas producións cinematográficas e televisivas.
Estás preparada/o para pasar algo de medo?
No hay comentarios:
Publicar un comentario