sábado, septiembre 29, 2007

Imos ao teatro?


Gran estrea no Salón Teatro de Compostela o 28 de setembro!!


Quico Cadaval dirixe para o CDG "Noite de Reis", tentando ser fiel á obra de Shakespeare.

O contacontos, actor e dramaturgo Quico Cadaval (Ribeira, 1960) estreará como director para o CDG a obra Noite de Reis, unha comedia de William Shakespeare na que "os instintos amorosos se desatan".
Cadaval explicou, nunha entrevista con Efe, que os personaxes que aparecen no Salón Teatro de Santiago de Compostela "son fieis á obra de Shakespeare" e comparounos cunha historia máis ou menos coñecida.
"A Raineiro, o neto dun pirata que vivía en Mónaco, íalle mal un negocio que montara cun contrabandista grego chamado Onassis", dixo.
Engadiu que "foi entón cando coñeceu unha moza da aristocracia bostoniana que triunfaba no cine, nos momentos felices de Hollywood nos que fornicaban todos con todos" e que neste contexto a parella "casa e monta un conto de fadas".
O director apuntou que Raineiro sería o equivalente ó duque de Orsino de Noite de Reis e Olivia, a muller á que ama Orsino, "un pouco como Carolina de Mónaco, a princesa triste que está de loito ata que alguén fai que cambie de idea". Para Quico Cadaval, este espectáculo é "un canto á vida" pero recoñeceu "que ten perigos e perdedores" e apuntou que trata fundamentalmente "das estupideces que se fan por amor".