martes, mayo 08, 2007

Os libros máis fermosos

Chéganos a información dos premios outorgados aos libros mellor editados no ano 2006, e curiosamente, no apartado de literatura infantil e xuvenil… dous dos tres premios ¡corresponden a editoriais galegas! Significa isto que algo está a funcionar BEN na nosa terra?. Noraboa ás editorias e ás bibliotecas, aos lectores e ás lectoras, e a todos nós, que sabemos que un libro é a mellor compañía e que a lectura é o mellor amigo…

Saír da pobreza, ¿realidade ou ficción?

Ata hai aproximadamente trinta anos calquera persoa do mundo, sobre todo se era muller, podía aspirar a pouco no campo do desenvolvemento económico. A mera subsistencia de millóns de persoas baseábase na imposibilidade de, mesmo tendo algún negocio, poder saír da roda da usura, na que os préstamos con xuros desorbitados obrigaban ás persoas a gañar só para devolver a cantidade recibida. Nalgúns países como a India estes préstamos pagábanse moitas veces co servizo en réxime de escravitude de nenas e nenos nas casas das xentes ricas. Igualmente aquelas persoas que querían poñer en marcha un negocio por primeira vez non tiñan de onde obter o capital inicial sen encellarse nesa roda. As portas dos bancos formais estaban pechadas para as persoas pobres, sobre todo as mulleres.

Na década do setenta, a aguda mirada dun profesor universitario de Bangladesh, Mohammad Yunus (Premio Nobel da Paz 2006), foi quen de non só detectar senón de deseñar un sistema alternativo a esta precaria situación de acceso ao crédito. Ese sistema é o que hoxe se coñece como o MICROCRÉDITO, que se basea no empréstamo de pequenas cantidades a persoas pobres que poden devolvelas en prazos pequenos.
O microcrédito non é unha panacea senón unha ferramenta que debe utlizarse en conxunto con outras intervencións de tipo social. Fornece as ferramentas para protexer, divesificar e incrementar as fontes de ingresos das persoas con baixos ingresos.
As institucións de microfinaciamento supuxeron unha revolución, porque demostraron que é posíbel prestar servizos financieiros ás persoas pobres, e que o sistema dos bancos tradicionais non cubre as necesidades destas persoas.
Varios estudos amosan que nun mundo no que a maior parte das persoas pobres son mulleres, o acceso aos servizos financieiros mellorou a súa condición social no seo da familia e a comunidade. As mulleres gañan seguridade e confianza en si mesmas.
Coñecedes o grupo U2? Seguro que si. O seu cantante Bono afirmou: “Dálle un peixe a un home e comerá un día. Dálle un microcrédito a unha muller e ela, o seu home, os seus fillos e fillas e a súa familia comerán toda a vida
E ti, cavilaras algunha vez o que supón este sistema? Sabías que existía?

lunes, mayo 07, 2007

Movémonos pola Paz...

Un dos temas que máis nos preocupan, entre outros, é a Paz, ou máis ben, a súa ausencia.

Somos os seres humanos incapaces de vivir en harmonía uns con outros?
Estaremos sempre buscando motivos para sacar as armas e matar?
Necesitamos a violencia como unha forma de vida?
É tan fácil dar as costas aos conflitos bélicos que asolan o planeta?
Nunca pararán estes?
O máis grave resulta saber que detrás de todas estas matanzas inxustas quen manda son os motivos económicos, ou políticos, que ao final convértense en poder. Poder de mandar, de decidir, de xogar coas vidas dos outros.
E por iso, este ano o noso centro lembrou a guerra civil, a inxusta represión daqueles que sufriron por ter tan só ideas diferentes, aqueles que foron asasinados por pensar outro mundo.
Pero non podemos esquecer esoutras guerras que, máis afastadas, acaban coa vida, coa esperanza, coa dignidade, de miles de persoa. Non podemos esquecer que seguen a existir guerras por pensar doutro xeito, por ter petróleo, ou por non telo. Non podemos esquecer que un continente tan castigado como África segue a sufrir non só a fame, a falta de auga, senón a represión e a morte de miles de seres queridos sen que a comunidade internacional sexa quen de intervir por mor de cuestións económicas. Non podemos esquecer que fomos nós, os occidentais homes brancos os que construímos fronteiras ficticias que supuxeron conflitos entre os seus habitantes primitivos. E non podemos esquecer que seguimos a dar as costas a eses conflitos.
Invitámoste a entrar na nosa páxina web para comprender de que estamos a falar. Alí coñecerás Darfur e o Chad, zonas onde miles de seres humanos están a ser exterminados. Alí entenderás por que parece máis fácil mirar para outro lado.

domingo, mayo 06, 2007

Empoemémonos (III)

Nesta terceira semana, queremos achegarnos a dun dos grandes poetas sudamericanos: o uruguayo Mario Benedetti. Pero queremos facelo dun xeito diferente...

jueves, mayo 03, 2007

Cine e Interculturalidade

O alumnado de 1º de Bacharelato estivo a traballar co profesor de Ética e Filosofía do Dereito a interculturalidade dende diversas frontes; unha delas é a que ten que ver co mundo dos filmes, un dos xeitos máis próximos para traballar estas cuestións. De toda unha lista de películas seleccionamos 5 que podes atopar na nosa/vosa Biblioteca.
  • La boda del monzón da directora Mira Nair, (2001, India-EEUU-Francia-Italia). Acércase a romántica época do monzón e os membros da familia Verma chegan a Delhi dende todos os puntos do globo para asistir a unha voda concertada no último momento. Cinco historias interconectadas que exploran os distintos aspectos do amor e cruzan as fronteiras xeográficas, sociais, e morais na India contemporánea.
  • Quiero ser como Beckham, comedia dirixida por G. Chadha, (2002, Reino Unido-Alemania), que nos conta a historia dunha rapaza de dezaoito anos, que non quere ser unha convencional muller india, como espera a súa familia.
  • Flores de otro mundo. Esta premiada película de Icíar Bollaín, (España, 1999) resultará de gran axuda para entender o fenómeno do choque cultural e da inmigración na España actual. Pode servir para definir a nova situación migratoria (relación inmigración / emigración) do país e establecer as causas e as consecuencias.
  • ¡Libertad!, de Don McBrearty (2004, EEUU), cóntanos o caso dunha ambiciosa avogada de Nova Iorque, Libby, quen acepta defender a Meena, unha xove refuxiada afgana que busca asilo político en América. Despois de conseguir escapar dos indescritibles horrores da súa controlada patria talibán, Meena chega a Estados Unidos vendo esnaquizados os seus soños de liberdade. Reflicte moi ben a situación da muller en Afganistán.
  • Lost in translation, dirixida por Sofia Coppola, (EEUU 2003). Fainos reflexionar sobre como un pode sentirse moi só rodeado de millóns de persoas.


Os maios chegan ao Colmeiro

Sen lugar a dúbidas, os maios son a manifestación máis vistosa de cantas se celebran nos primeiros días de Maio, e tamén a que goza de máis popularidade. Ata mediados do século XII estendíase ao longo e ancho de toda Galicia, aínda que actualmente a súa área é moito máis reducida. Hai dúas variedades ben diferenciadas de maios, aqueles nos que é representado por un neno, que a grandes rasgos coincide co norte de Galicia, e aqueles nos que o maio é representado por unha figura de follas e flores, típico da zona sur de Galicia.
Seguindo as nosas tradicións, o noso alumnado estimula a súa imaxinación máis crítica para, co seu peculiar sentido do humor, falar daquelas realidades máis cercanas e preocupantes. Así, o profesorado, os deportes, a política... ten o seu oco nos MAIOS DO COLMEIRO!!!

Lingua de amor

O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, pon en marcha a Iª Edición do concurso Lingua de amor, un concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico.
Un dos obxectivos é vincular as mozas e mozos de Galicia co seu idioma e incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para as actividades de lecer e momentos de diversión. Un segundo obxectivo é conquistar novos ámbitos de uso para o galego: internet, o correo electrónico ou os chats son espazos de comunicación nos que os mozos e mozas empregan o castelán como lingua habitual.
Establécense tres premios:
1º: Videocámara Mini DV Samsung VPD361 + un lote de libros en galego
2º: Cámara Sanyo PSDCN912 + un lote de libros en galego
3º: MP4 Blu:Sens 1027 + un lote de libros en galego

As mensaxes deixaranse, xunto cos datos persoais, nun formulario que os e as participantes poderán atopar na páxina do CXG: www.cxg.org. A partir do 1 de maio todas as mensaxes se poderán ler no web www.linguadeamor.eu

martes, mayo 01, 2007

Que ganas tiñamos de a coñecer!!!


Do 18 de abril ao 15 de xullo ten lugar na Fundación Caixa Galicia en Vigo unha exposición da obra de TAMARA DE LEMPICKA. A exposición reúne arredor de corenta óleos e tamén debuxos, fotografías e obxectos persoais; percorre a obra de Lempicka desde os seus inicios, ata os anos de decadencia pasando polo período de maior esplendor para a artista.



Nun momento crucial da historia moderna: o período de entreguerras, a artista foi esencialmente a retratista da alta sociedade. Mentres as súas afeccións e afectos convertérona nun icono do modernismo. Tan forte foi a súa personalidade que a súa obra viuse deslucida ata os anos oitenta, momento no que comeza a coñecerse públicamente o seu potente legado artístico. O seu estilo persoal marcado por unha pintura fría pasarán á historia da arte moderna.


Tamara De Lempicka (Varsovia,1898 – Cuernavaca, 1980) iniciou cursos de arte na Academia de San Petersburgo; aos 16 anos, xa casada, chega a París fuxindo dos bolxeviques; alí adscríbese á art deco, na que é considerada a maior representante da área pictórica, e desenvolve un estilo enigmático e persoal, onde pon un gran contraste entre as imaxes angulares e as cores. Convértese na retratista de moda da aristocracia, entre os anos 25 e 30. Dise que utilizou a arte como un medio para escalar socialmente.
Manterá sempre unha posición anticomunista que dalgún xeito reflicte nos seus cadros onde as personaxes retratadas amosan unha certa mirada altiva; parecer ter unha ausencia vital deliberada: non é que foran sorprendidas naquela posición, senón que prescinden do espectador, de quen os mira, porque teñen unha actitude elitista ante o mundo, que reflicte a propia mirada de Tamara. As súas personaxes son frías, distantes, aínda que se deixen ver; gústanse sabérense admiradas, pero rexeitan entrar en contacto co pobo baixo.

Actualmente abondan os recoñecementos á súa obra pero non deixa de ser unha artista controvertida que é acusada de practicar unha arte puramente decorativa, decadente, de ter soidade do perdido esplendor da burguesía da época pero de non posuír a enerxía das vangardas. Porén, algúns críticos cren que a súas obras poden ser comparadas coas de dous grandes do século XX, Léger e Picasso.



Será que ser muller e aparecer nos libros
de arte non é doado?




Se queres saber máis:
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=4385
http://www.tamaradelempicka.it/cover.php
http://www.my-forum.org/descripcion.php?numero=157330&nforo=20682 : estupenda galería de imaxes.

lunes, abril 30, 2007

30 abril 1977-30 abril 2007: 30 anos de loita. 30 anos de vida vencendo á morte

Mil cinco centos sesenta e tres xoves.

Baixo a consigna ¡Ata a vitoria sempre, queridos fillos! as Nais da Praza de Maio celebran os seus trinta anos de loita. Trinta anos de vida vencendo á morte. Trinta anos de parir outro país. Trinta veces doce meses seguidos, cos seus xoves correspondentes, de volver á vida ás súas fillas e fillos que non están e loitan aínda.

A ditadura militar que gobernou Arxentina entre 1976 e 1983 fixo desaparecer entre 22.000 e 30.000 persoas. Foi tan inhumana a purga, tan profunda a ferida, que as súas consecuencias perdurarán durante xeracións. Aos detidos se lles torturaba atrozmente para despois seren asasinados. As nais non souberon nada ata bastante tempo despois, pero comezaron a súa peregrinación por comisarías e institucións gobernamentais. Neses lugares fóronse atopando e fortalecendo. Decidiron xuntarse para reclamar diante da sé do goberno. Así, foron por primeira vez á praza un sábado 30 de abril de 1977: 13 nais e unha xove que nun principio non quixo dar o seu nome; permaneceron alí ata que un policía as botou. Pero regresaron todos os xoves. Como estaba prohibido o dereito de reunión, agrupábanse de dúas en dúas. Os policías mandaban que circulases, e por iso decidiron dar voltas á praza. Semana tras semana sumábanse mulleres con novas historias de horror: máis panos brancos, máis forza.

Chamábanas as tolas da praza pero acabaron converténdose nas “Madres da Praza de Maio” e o seu berro deu a volta ao mundo. Distínguense usando panos brancos sobre as súas cabezas, os mesmos que anteriormente serviran como cueiros dos seus fillos desaparecidos.

A cada nai lle levou un tempo diferente aceptar que nunca recuperaría aos seus fillos. A chegada da democracia en 1983 abriulles unha luz, pero as leis de perdón acabaron coa investigación e o posíbel xuízo aos culpables.
Daquelas 14 pioneiras só quedan 5 con vida. Do brazo, como cada xoves dende hai 30 anos, seguen camiñando. Máis vellas, pero coa mesma forza. Xa bisavoas, pero convencidas de que os seus netos e as súas netas continuarán a loita: reclamo de tres xeracións que non cumpriría se tivese habido xustiza.

Se queres máis información:

viernes, abril 27, 2007

Empoemémonos (II)

Segunda semana da nosa actividade especial da poesía. Aproveitando que acaban de lle entregar a Antonio Gamoneda o Premio Cervantes o 23 de abril, publicamos un dos seus fermosos poemas. Agardamos que xa a partires da semana que vén, sexades vós os que elixades os poemas a publicar.

Ira
¿Quién viene
dando gritos, anuncia
aquel verano, enciende
lámparas negras, silba
en la pureza azul de
los cuchillos?

Gritan ante los muros calcinados.

Ven el perfil
de los cuchillos, ven
el círculo del sol, la cirugía
del animal lleno de
sombra.
Silban
en las fístulas blancas.

Vi cuerpos al borde
de las acequias frías.

Amortajados
en la luz.

jueves, abril 26, 2007

Nós tamén participamos!!!

Na campaña "Apadrina una palabra" tras a participación de 21.632 persoas de 69 países, apadrináronse máis de 7000 palabras, das cales a máis votada foi bochinche, que o diccionario define como tumulto ou alboroto; séguelle a palabra gaznápiro que designa a alguén palurdo, simplón ou torpe. E en terceiro lugar alféizar, que é a volta que fai a parede no corte dunha porta ou ventá.

Esta campaña tiña como obxectivo que os internautas hispanofalantes reflexionaran sobre o idioma, o seu uso e a súa evolución dun xeito lúdico e participativo.

Damos as grazas a todo o noso alumnado pola súa participación e a súa entrega. Felices palabras!!

domingo, abril 22, 2007

Un lazo contra o cambio climático

O 22 de abril celébrase o Día da Terra. E diferentes organizacións ecoloxistas (Ecologistas en Acción, SEO/Birdlife, WWF/Adena, Greenpeace...) queren celebralo lucindo un lazo verde. Trátase dun xeito pacífico, pero visíbel, de protestar contra o dispendio de enerxía e o cambio climático e exhortar á acción a toda a cidadanía. Os ecoloxistas elixiron a cor verde porque representa a esperanza, a natureza e a vitalidade.
Este lazo verde é un símbolo para quen cre que non é posíbel seguir eludindo as nosas responsabilidades e que todos deberiamos participar de maneira activa na solución deste problema.
España segue a ser o país da Unión Europea que máis se afasta de cumprir os obxectivos do Protocolo de Kioto. As emisións de gases de efecto invernadeiro no noso país incrementáronse máis dun 52% respecto aos niveis de 1990, cando o compromiso era de non aumentalas en máis dun 15%. Este escenario pon de manifesto a insuficiencia e ineficacia das políticas emprendidas ata o momento para combater o cambio climático, o problema ambiental, económico e social máis grave ao que nos enfrontamos na actualidade.

sábado, abril 21, 2007

Ler e pagar ou non ler: velaí a cuestión!

Non ao canon bibliotecario!!!
Unha norma supranacional europea esixe abonar un canon por cada préstamo nas bibliotecas públicas en concepto de dereitos de autor. A directiva europea 92/100 xurdiu por unha iniciativa danesa, a UE aprobouna e transformouse en directiva comunitaria que nos afecta a todos. O Tribunal Europeo de Xustiza sancionou a España por non cumprila no 2006. Está claro que é incogruente que cobren polo préstamo de libros e logo gasten fortunas en fomentar a lectura.

O Día do Libro de 2007 ten que ser un día de loita contra o préstamo de pago porque aínda que o Congreso dos Diputados dera vía libre ao canon por préstamo, aínda quedan moitas cosas por facer antes de que as bibliotecas se vexan obrigadas a pagar.
Reproducimos unhas palabras do escritor José Luis Sampedro:
"¿Se quiere fomentar la lectura? ¿Europa prefiere autores más ricos pero menos leídos? No entiendo a esa Europa mercantil. Personalmente prefiero que me lean y soy yo quien se siente deudor con la labor bibliotecaria en la difusión de mi obra. Sépanlo quienes, sin preguntarme, pretenden defender mis intereses de autor cargándose a las bibliotecas. He firmado en contra de esa medida en diferentes ocasiones y me uno nuevamente a la campaña".

O seu escrito completo está en: http://noalprestamodepago.org/2007/03/02/por-la-lectura/

O domingo 22 de abril de 2007, ás 12 horas, iniciarase a recollida dun millón de sinaturas en diferentes países para solicitar a retirada da Directiva Europea.
BIBLIOTECARIOS DE TODA ESPAÑA ABRAZARÁN A BIBLIOTECA NACIONAL NUN ACTO SIMBÓLICO DE REXEITAMENTO AO PRÉSTAMO DE PAGO EN BIBLIOTECAS

Máis información en: http://noalprestamodepago.org/

jueves, abril 19, 2007

Vota pola Alhambra!!

Os xardíns colgantes de Babilonia, o Coloso de Rodas... As sete marabillas do mundo antigo desapareceron ou están caducas. Por iso, acábase de propoñer unha nova lista. O próximo 7 de xullo proclamaranse en Lisboa as novas sete marabillas, escollidas por votación popular na que todos podemos participar.
A nosa favorita é a única "marabilla" española: a Alhambra de Granada que, de momento, ocupa o noveno posto. ¿A que esperas para votar por ela? www.new7wonders.com