27/6/07

Ímonos de viaxe!

Tempo de lecer, tempo de viaxes. Xa nos gustaría coñecer todos estes lugares marabillosos, pero o mellor xeito é sempre a través dos libros. Porque un libro é a mellor viaxe, e a nosa imaxinación o máis forte dos poderes. Entrementres, ollade canto nos queda por coñecer!



Cool Slideshows!

23/6/07

Tristes armas, tristes, tristes.

Lorena Ares Troitiño, de 1º de ESO, recomenda este libro porque…
Tristes armas gustoume moito. É un libro moi bonito onde se conta a historia de dúas rapazas que se teñen que separar de seus pais para marchar a Rusia a salvo da guerra civil española. A historia de dous rapaces namorados que non se atreven a declararse. A dunha muller que sofre a morte do seu home e ten que fuxir do país. Máis historias…
Tamén me gustou a forma que ten a autora de expresar os sentimentos dos personaxes e ademais podemos coñecer un pouquiño de historia sobre a guerra civil española, quen se enfrontou, cando e como…

Tristes armas
Marina Mayoral
Xerais

21/6/07

Empoemémonos (IX)

Estertores finais… risos e bágoas entre cancións, miradas, complicidades… Rematou o curso. Rematou un longo inverno de estudos e amizades. Algúns de vós estades ledos, outros menos. Algúns pensades en canto tempo vai pasar sen ver aos compañeiros de todos os días, outros pensades que aínda nas vacacións tedes que estudar…
E nós seguimos empeñados en empoemarnos. Seguiremos aquí no verán, para que cando teñades un oco abrades o noso blog e vexades que nel seguimos a vos contar qué libros nos gustan, qué poemas vos recomendamos, qué noticias nos preocupan. O blog non marcha de vacacións, paseará ao voso carón antes de irdes á piscina, á festa, a pasear. Lembrade que a biblioteca do Colmeiro respira para fortalecer os vosos pulmóns, bombea o sangue necesario para que os vosos corazóns sigan a sentir todas as emocións do mundo. Lembrade que no verán poderedes levar os libros a todas partes, porque hai mil xeitos de ler a vida.
O noso agasallo deste semana é o poema DESPEDIDA de Jorge Luis Borges:

Entre mi amor y yo han de levantarse
trescientas noches como trescientas paredes
y el mar será una magia entre nosotros.

No habrá sino recuerdos.
Oh tardes merecidas por la pena,
noches de esperanzas de mirarte,
campos de mi camino, firmamento
que estoy viviendo y perdiendo…

Definitiva como un mármol
entristecerá tu ausencia otras tardes…

13/6/07

Smara

Unha das nosas xoves devoradoras literarias, Beatriz Espiño Fuentes (irmá da nosa inesquecíbel Hadriana), de 1º de ESO, recomenda este libro porque...

Gustoume este libro porque nos informa sobre os costumes, tradicións, modos de vida… doutras culturas e países. Tamén nos ensina a boa relación que pode existir entre un neno e unha persoa maior. Aínda que o que máis me entusiasmou e intrigou foron as historias da Avoa Ugaga. Recoméndollo a todos aqueles a quen lles gusten as historias fantásticas.
Smara
Paula Carballeira
Kalandraka

12/6/07

Noite de voraces sombras

Karina González, de 4º de ESO recomenda este libro porque...
É un libro moi interesante, de feito creo que é un dos meus libros preferidos, xa que combina a intriga co amor, chegando ata á Illa de San Simón grazas a cartas que a protagonista topa.
Informános ademais sobre feitos reais que ocorreron na Guerra Civil e as pésimas condicións de vida dos presos
Noite de voraces sombras
Agustín Fernández Paz
Xerais

10/6/07

Despedida. Empoemémonos (VIII)

Pasa tan axiña este tempo tristeiro! Buscando poemas de título DESPEDIDA topamos tantos que este mes de xuño decidimos que todos levarán este título. E aínda que amargas, todas diferentes, comprobádeo xa con LÊDO IVO (Vals fúnebre para Hermengarda)



Heme aquí junto a tu sepultura,
Hermengarda,
para llorar carne pobre y pura
que nadie de nosotros vio pudrirse.

Otros vendrían lúcidos y enlutados,
sin embargo yo vengo borracho,
Hermengarda, yo vengo borracho.
Y si mañana encuentran la cruz
de tu tumba caída en el suelo
no fue la noche, Hermengarda,
ni fue el viento.
Fui yo.

Quise amparar mi ebriedad en tu cruz
y rodé por el suelo donde reposas
cubierta de margaritas, triste todavía.

Heme aquí junto a tu tumba,
Hermengarda,
para llorar nuestro amor de siempre.
No es la noche, Hermengarda,
ni es el viento.
Soy yo.

Matar a un ruiseñor

A pequena Scout (Mary Badham) conta un verán da súa vida na pequena vila de Maycom, Alabama, a carón do seu irmán Jem (Phillip Alford), e do seu pai, Atticus (Gregory Peck), avogado viúvo. Jem prepárase para recibir unha lección sobre a crueldade humana e o seu pai sabe que non o pode evitar: "...nunca entenderás a unha persoa ata que vexas as cousas desde o seu punto de vista, ata que esteas na súa pel". Un xove negro é acusado de violar a unha muller branca. Atticus será o encargado de defendelo.
Dicir que Gregory Peck está espléndido neste papel no lle fai xustiza. Nel, Atticus, convértese nun home firme e sensible, un home xusto e sen prexuízos que nos amosa o sinxelo que é ser fiel a un mesmo.
É unha película lenta porque, aínda que o que explica é fácil de entender, a mensaxe que pretende deixar en nosoutros debe entrar lentamente, pois vén a quedarse.
"Os rousinois non fan outra cousa que crear música para que a desfrutemos. Non comen os xardíns da xente, non fan niños nos celeiros, non fan outra cousa que cantar o seu corazón para nós. É por iso que é un pecado matar a un rousinol".

6/6/07

Sueños en el umbral

A nosa profe de Historia, Andrea, gran consumidora de libros e de cultura, recoméndanos este libro porque...
Visión de Marrocos e do mundo árabe dende os ollos dunha nena, a propia Fátima Mernissi, nada e educada nun harén no que as mulleres que a rodean, a nai, as tías, as primas, as cociñeiras, as avoas... lle transmiten a súa particular visión do mundo. Un universo feminino que aínda que algunhas ocasións acepta, noutras, rebélase contra unha cultura que a asfixia e a somete.
Esta autora foi Premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 2003.

Sueños en el umbral
Fátima Mernissi
El Aleph

5/6/07

Pequenas xoias

Estes días tivemos no centro unha exposición de obxectos antigos e tradicionais. Pedimos tanto ao alumnado como ao profesorado que aportaran todo tipo de cousas. E conseguimos unha mostra variada e interesante, na que non faltou un arado, dous xugos, unha gramalleira, unha máquina de coser, armas, ferros de pasar, fotos... Pero temos que destacar unha peza que sobresaía por riba de todo, polo seu significado e pola súa lectura conmovedora: a carta que o alcalde represaliado Emilio Alonso Paz escribiu en marzo de 1937, xusto antes de ser fusilado. Esta carta estaba dirixida a dous bos amigos del, Daniel Sánchez Mallo e Antonio Costoyas Ares, e nela podemos ler: “quiero manifestaros que estoy muy animado, considero mi fin como una cosa natural, tenía que terminar así, asesinado por los señoritos que sabéis; mi muerte servirá para justificar la venganza... estoy tan entrañado ya con la muerte que duermo tranquilamente... quiero haceros una súplica: proteged a mi familia en lo que podáis...”. A bisneta de Daniel Sánchez Mallo tamén trouxo fotografías do seu bisavó, así como outras fotos que nos amosan a comarca do Deza hai xa moitos anos. Non faltaron pezas de roupa como mantóns e mesmo un bolso, así como papeis e facturas dos anos 60.
Unha mostra, en suma, do máis interesante.

4/6/07

Tonecho de Rebordechao

Esteban Gerpe, de 1º da ESO recoméndanos este libro porque...
Gustoume pola súa forma de ver a vida na aldea a través dun rapaz da cidade.
É unha mestura de diversión, polas trastadas de Antón e os comentarios do seu avó, e de intriga polo Home de Unto.
O que máis me gustou foi ese carácter gracioso en toda a historia que che fai rir a moreas.

Tonecho de Rebordechao
Breogán Riveiro
Editorial Galaxia

3/6/07

Suite francesa

Esta novela, que obtivo o premio Renadout outorgado por primeira vez a un autor falecido, conleva unha curiosa historia. A súa autora, Irene Némirovsky, será detida en 1942 e enviada a un campo de concentración, onde foi asasinada ese mesmo ano. A titora das súas fillas conseguiu que cruzasen a fronteira e se salvasen. Estas nenas levaban na súa fuxida unha maleta co último manuscrito da súa nai. Anos despois, unha delas descubriu que este era os dous primeiros movementos dunha novela histórica.
Imbuída dun claro compoñente autobiográfico, "Suite francesa" iníciase en París os días previos á invasión alemá, nun clima de incertidume e incredulidade, combinando un retrato intimista da burguesía ilustrada cunha visión implacable da sociedade francesa durante a ocupación. Con lucidez, pero tamén cun desasosego notablemente exento de sentimentalismo, Némirovsky amosa o fiel reflexo dunha sociedade que perdeu o rumbo. Estamos ante un testemuño profundo e conmovedor da condición humana, escrito sen a facilidade da distancia nin a perspectiva do tempo por alguén que non chegou a coñecer sequera o final do cataclismo que lle tocou vivir.
Suite francesa convértese así nun violento fresco de representación do pánico humano provocado polas guerras. Un pánico animal a non sobrevivir que acaba con todas as convicións e valores.

LinkWithin