martes, junio 05, 2007

Pequenas xoias

Estes días tivemos no centro unha exposición de obxectos antigos e tradicionais. Pedimos tanto ao alumnado como ao profesorado que aportaran todo tipo de cousas. E conseguimos unha mostra variada e interesante, na que non faltou un arado, dous xugos, unha gramalleira, unha máquina de coser, armas, ferros de pasar, fotos... Pero temos que destacar unha peza que sobresaía por riba de todo, polo seu significado e pola súa lectura conmovedora: a carta que o alcalde represaliado Emilio Alonso Paz escribiu en marzo de 1937, xusto antes de ser fusilado. Esta carta estaba dirixida a dous bos amigos del, Daniel Sánchez Mallo e Antonio Costoyas Ares, e nela podemos ler: “quiero manifestaros que estoy muy animado, considero mi fin como una cosa natural, tenía que terminar así, asesinado por los señoritos que sabéis; mi muerte servirá para justificar la venganza... estoy tan entrañado ya con la muerte que duermo tranquilamente... quiero haceros una súplica: proteged a mi familia en lo que podáis...”. A bisneta de Daniel Sánchez Mallo tamén trouxo fotografías do seu bisavó, así como outras fotos que nos amosan a comarca do Deza hai xa moitos anos. Non faltaron pezas de roupa como mantóns e mesmo un bolso, así como papeis e facturas dos anos 60.
Unha mostra, en suma, do máis interesante.

No hay comentarios: