26/3/07

Os escritores do noso concello

Como xa sabedes (ou deberiades saber...) o noso concello goza de prestixio literario grazas a dous escritores que padeceron a represión franquista polas súas ideas contrarias. Estamos a falar de Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela.

As súas obras son O Siñor Afranio e Nidia; Non agardei por ninguén, O Naranxo e Era tempo de apandar. Convidámosvos a que as leades por saberdes máis dos vosos veciños e das atrocidades que supoñen as guerras, sexan cales sexan; coñeceredes moitos dos lugares que aparecen nestes libros, facéndoos máis importantes se cabe.

22/3/07

Algo máis que spaguetti-western

Para vós, que medrades no mundo da ciencia-ficción, das espadas láser e da violencia e o terror, os filmes que vos propoñemos soaranvos a "coñazo"; pero dádelle unha oportunidade a este xénero que de seguro vos sorprenderá por descoñecido e ao mesmo tempo entrañábel. Tedes na biblio á vosa disposición unha selección das mellores películas de western... e seguro que vos acabarán enganchado!
  • Un hombre llamado caballo (retrato da vida dos Sioux americanos a comezos do século XIX)
  • El Tesoro de Sierra Madre (ouro nos cumes e avaricia nos corazóns)
  • Los Comancheros (un "ranger" decidido a rematar cunha banda de traficantes de armas)
  • VeraCruz (buscando cartos e aventura durante a Revolución de 1866)
  • Los Siete Magníficos (un grupo de foraxidos sementa o terror nun lugar de granxeiros)
  • El Dorado (combinación de humor e acción)
  • Winchester'73 (apaixonante historia de dous homes na conquista do Oeste)
  • Sólo ante el peligro (obra mestra)
  • La fiebre del oro (amor, avaricia e perigo)
  • Raíces profundas (clásico do cine norteamericano)
  • Misión de audaces (conmmovedora historia dun escuadrón de soldados americanos)
  • Pasión de los fuertes (historia de Wyatt Earp)
  • Grupo salvaje (impactante historia de foraxidos)
  • Cometieron dos errores (Eastwood é xuíz, xurado e executor)
  • El póker de la muerte (tensión in crecendo ata o duelo definitivo)
  • Pequeño gran hombre (Dustin Hoffman convértese no único supervivinte de 121 anos de idade da Última Batalla de Custer)

21/3/07

Para debater...

Diario de un Skin
- Director: Jacobo Rispa
- Duración: 90 minutos
- Protagonizada por Tristán Ulloa
- Baseada no best-seller homónimo de Antonio Salas

A realidade dos grupos neonazis a través dos ollos dun xornalista, situación próxima e preocupante. Convidámoste a que a vexas e te expreses libremente.

As mulleres e a Arte

A maior parte das artistas que este libro nos dá a coñecer non figuran nas enciclopedias de Arte; un xeito delicioso de coñecelas é abrir, ler e ollar as páxinas que compoñen Amazonas con pincel. A peripecia vital e a creación artística destas mulleres adiantadas ao seu tempo permítenos descubrir a evolución do papel da muller na sociedade e a súa aportación á historia da Arte. Moitas delas tiveron que loitar contra a adversidade e foron desprezadas e esquencidas.

Amazonas con pincel

Victoria Combalía
Ediciones Destino

19/3/07

Recomendacións...

Hoxe querémosvos mostrar unha lista de libros que vos quere recomendar o alumnado de 1ºESO B. Nos comentarios poderedes ler o que eles opinan sobre os libros e deixarvos enganchar pola súa lectura. Por certo, todos están ao voso dispor na Biblioteca de Aula de 1ºESO.
  • "Quero que veñan meus pais" de Concha Blanco

  • "Aire Negro" de Agustín Fernández Paz

  • "As flores radioactivas" de Agustín Fernández Paz

  • "O príncipe da Brétema" de Carlos Ruíz Zafón

  • "O Nicolasiño" de J. J. Sempé e R. Goscinny

  • "As vacacións do Nicolasiño" de J. J. Sempé e R. Goscinny

  • "Dúas bágoas por Máquina" de Fina Casalderrey

  • "Harry Potter" de J.K. Rowling

  • "La hija de la noche" de Laura Gallego

  • "O novo diario dun xove maniático" de Aidan McFarlane

  • "Os escaravellos voan á tardiña" de María Gripe

  • "Tanis I o Mocos" de Manuel Lourenzo

14/3/07

Evolucionamos...

Como xa terás comprobado, ultimamente está cambiando a imaxe da nosa biblioteca. Para que vexades todo o que cambiou, preparamos esta secuencia fotográfica onde o podedes comprobar vós mesm@s.
Que sigamos evolucionando depende unicamente de todos vos...


Create Your Own

Para sabermos máis...de todo

Ofrecémosvos dous libros exhaustivos sobre o conxunto do coñecemento humano: rendímonos á sede do saber.

La Cultura. Todo lo que hay que saber.
Dietrich Schwanitz
Editorial Santillana

Que significa a cultura? Este libro vai dende os episodios remotos do Antigo e Novo Testamento ata a Modernización, Revolución e Democracia; trata a evolución da Literatura, a Arte e a Música; como se desenvolve a ciencia, a filosofía, as ideoloxías...e tamén a educación en xeral.

Breve historia del saber. La cultura al alcance de todos.
Charles Van Doren
Editorial Planeta

Síntese do que hai que saber de historia, filosofía, arte, música, literatura, ciencia ou relixión, dende os antigos ata a actualidade, e mesmo ofrécenos unha proxección dos posibeis avances dos próximos cen anos.

9/3/07

Gran novidade!!!!!!!!!!!

Temos o grandísimo honor de poder contar no noso blogue cun escrito INÉDITO (si, ledes, ben, inédito) da afamada poeta Chus Pato. Xa podemos presumir, xa. Se estabamos ledos porque isto parece que empezaba a funcionar cos vosos comentarios, agora estamos orgullosos. Grazas, Chus, polo teu agasallo.

(...) e así ardín todos e cada un dos manuscritos, cando a súa publicación estaba confirmada. Se as miñas letras tiñan que circular entre os seus contemporáneos, a súa vida máis espida, a súa —por así dicilo— íntima simbiose coa desaparición debería ser seccionada e ofertada no solsticio de verán ás potencias do Averno, á Terra e aos gases que fan posíbel a existencia

de tal forma que todo o que escribira puidera ser considerado como unha materia que habita en mundos diferentes —cabeza de loba—

Isto —concluíu— é o estatuto ou territorio dun poeta

poeta é unha humana calquera.

Malia que a algúns os cega a claridade do alustro, tamén a outras as cega a cicatriz da noite

—teño que consideralo, o que ti denominas un ego deliberadamente esquizo... Mira, eu partía de núcleos distribuídos ou bifurcados, nos que un corte mantén e divide un rostro siamés, bifronte

entón concibo o eu non precisamente como unha dislocación senón como ese argumento que sostén as partes (o eu sería a quinina do insecto, as cambiantes e nunca apreixábeis augas do río, o fiel da balanza). Dunha banda o así chamado "estado de natureza"; doutra a sintaxe, pero fluíndo ambos e dous, o un na outra

abismo que, como non ignoras, remite á fenda do sexo nas femias, abríndose cara aos labios da carne

tan diferente ao falo que se ergue cara a un infinito, amparado pola dilatación dos capilares sanguíneos

serían as voces deste eu un rexistro que non pasa polos pulmóns, comunmente chamadas palabras de cabeza, que parten da cabeza, que pasan polos seos sen apoiarse no diafragma,
que é un transformarse da notación musical en muller, como a voz dun contratenor (inglés) puro

Cando cabeza abaixo navegaches a nai

como da marmaña de pensamentos dun día, cando a resumimos para unha amiga, destacamos os de interese común, así extraemos do tempo porcións; extractámolas como os mariñeiros de Galicia retiraban o fuel dos mares de Galicia: coas mans

iso que rescatas

inesquecíbel

excluído da lei porque a súa existencia non pode ser sacrificada, pero si suxeita ao homicidio

toda comunidade biopolítica (toda Galicia, ti e mais eu que nos bebemos cos ollos) é un lager

do libro inédito HORDAS DE ESCRITURA


Pola Igualdade da Muller

Dúas estupendas películas e un marabilloso libro para o Día pola Igualdade da Muller.

>>Las mujeres de verdad tienen curvas
Directora: Patricia Cardoso

Un alegato dunha moza por saír dos parámetros tradicionais da muller na súa casa e unha declaración de intencións por un físico que se sae dos cánones tradicionais de beleza feminina. Moi recomendable.

>>En tierra de hombres
Directora: Niki Caro

A protagonista deste filme sofre toda unha serie de abusos sexuais por defender un traballo que tradicionalmente só desempeñaban os homes: traballar nas minas.

>>Las mujeres, que leen, son peligrosas
Stefan Bollman

Este libro explora a historia da lectura feminina reunindo unha selección de pinturas realizadas por artistas de todos os tempos.

1/3/07

Un libro especial


Comprei este libro despois de ler o blog dun compañeiro de fatigas, quen supoño ama os libros tanto coma min. El comentaba no seu blog: “Hay libros que cuando entran en la biblioteca es un placer catalogarlos... Se produce una complicidad extraña en la que te sientes no solo como alguien que facilita el acceso a esa obra”.

Non xa cando entran na biblioteca, senón no instante mesmo da compra. Cando o collín entre as mans, sentín posuír unha pequena obra de arte. E corrín a ensinárllelo a tod@s aqueles que pasaban por diante. Non é só o que conta o libro, son as magníficas ilustracións que contén. Non canso de ollalo. Ogallá vos pase a vós tamén.
Ademais, non só cómpre coñecer o libro, cómpre coñecer o autor. Non vos parece extraordinario que unha persoa sexa o LECTOR de Borges? Manguel foino. Por iso e tantas cousas, convídovos a acercarvos á biblioteca: libros marabillosos coma este estanvos agardando.

Novidades na Biblioteca

A medición do mundo
Daniel Khelhmann
Editorial Galaxia
Ofrecémosvos a lectura dunha novela que vén de desbancar a Dan Brown (O código da Vinci) e a J.K. Rowling (Harry Potter), e ademais en galego. Humboldt e Gauss foron os científicos máis brillantes do seu tempo: dúas figuras contrapostas con quen Kehlmann combina historia, ficción, ciencia e disparate.


Me llamo Rojo
Orhan Pamuk
Editorial Alfaguara
Novela do PREMIO NOBEL 2006 Orhan Pamuk que nos introduce no esplendor e decadencia do imperio turco. No século XVI o sultán desexa inmortalizar a súa figura nun lenzo, pero a lei islámica prohíbeo. A tentación vence e catro artistas traballarán en segredo, elaborando un libro cheo de imaxes nunca antes pintadas. Ata que un deles desaparece.




Arden las pérdidas
Antonio Gamoneda
Editorial Tusquets
Marabilloso libro de poesía do PREMIO CERVANTES 2006.

Namorando coas palabras

Sabes que os poemas, os versos, as palabras son os mellores beixos para agasallar nun día tan especial coma o de hoxe? Como exemplo, un pequeno poema de Gonzalo Navaza:

"Lúa redonda dos tempos felices,
agasalla de soños a esperanza inxenua
das tristes cicatrices.

Lúa feiticeira das ledas horas,
alumea de milagres novos
o camiño das sombras.

Lúa soberana da noite antiga,
que nunca me falte o tesouro certo
dos brazos da amiga.

Lúa indiferente do ceo maior,
que non me falte nunca o tesouro certo
do incerto amor."

A Guerra Civil

Do 12 ao 16 de febreiro puidose visitar no IES Pintor Colmeiro a exposición "Os mártires do mar" promovida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, con motivo do Ano da Memoria. Con este motivo recomendamos un libro e a súa versión cinematográfica, que poderedes atopar na sección de DVD's.


"Soldados de Salamina" (Tusquets Editores)

Tras abandonar a súa carreira de escritora, Lola investiga a historia de Rafael Sánchez Mazas, un escritor falanxista que nos últimos días da Guerra Civil estivo, con outros 50 prisioneiros, fronte a un pelotón de fusilamento. Rafael logrou fuxir e esconderse... pero hai moito máis que debes ler.

Aínda quedan piratas na costa da morte

Pedro Gil Pallares, de 1º ESO B recomenda este libro porque...

Este libro gustoume moito porque trata de aventuras contra piratas e porque ten un toque dese amor adolescente que nos gusta a todos. Recoméndollo sobre todo a todos aqueles lectores e lectoras que sexan algo sensibles.


"Aún quedan piratas en la Costa de la Muerte"
Consuelo Jiménez de Cisneros
Grupo Editorial

Memorias dunha geisha

Ana Corral Alonso de 2º BC recomenda este libro porque...

Este libro relátanos a historia ficticia pero ben documentada dunha rapaza arrincada do seu fogar e das súas raíces para ser vendida a unha okiya, onde, dun xeito tráxico, sofre desgrazas e penurias antes de se converter nun deses seres máxicos e vistosos tan característicos do antigo e esplendoroso Xapón. Sayuri, así é o nome de geisha da protagonista, transfórmase nunha das geishas máis famosas da súa rexión e, deixando atrás un pasado cheo de tormentos e desenganos, loita por chegar a ser a perla máis relucente dun imperio que, a principios do século XX, desmorónase baixo o bafo ardente da guerra. Amor e desamor, desexo e deber, lícito ou ilícito… unha serie de contrastes, de extremos que nunca se tocan é no que se converte a vida desta muller quen, grazas a súa simple e acuosa mirada é capaz de facer caer ao chan a un home ou conquistar o corazón desprotexido de calquera que se atreva a mirala.

“Memorias dunha geisha”
é un libro cargado de luces e sombras que se mesturan en cada liña en forma de esperanzas e desventuras. Seductora sería unha palabra axeitada para describir como o autor foi capaz de tecer unha historia fantástica e embriagadora dende a primeira ata a última páxina. É unha obra sen dúbida para desfrutar e, de paso, aprender a ampliar os nosos horizontes mentras nos mergullamos na vida duns máxicos seres nunha época tan díscola.

"Memorias de una geisha"
Arthur Golden
Ed. Punto de lectura

A historia definitiva do pop español

Xa tes ao teu dispor na Biblioteca a colección "La historia definitiva del pop español" editada polos 40 Principales.

Mecano, Amaral, Héroes del Silencio..., o mellor da música española dos últimos anos a través de 25 libros-CD nos que se fai un repaso dos grandes éxitos do pop español desde os anos 60 ata a actualidade.
Vén a coñecela!!!

Día da paz, unha boa película, unh@ amig@...

Co gallo de repensar un chisquiño o sentido do día da paz, propoñemos unha película para levar para a casa, xuntarse cun grupo de amigos e botar unha parrafada ao final. A película é Feliz Navidad, do ano 2005.
  • Título Orixinal: Joyeux Noël, 2005, Francia, Alemania, Reino Unido, Bélxica, Rumanía
  • Dirección: Christian Carion
  • Intérpretes: Gary Lewis, Dany Boon, Steven Robertson, Diane Kruger, Bernard Le Coq, Daniel Brühl, Suzanne Flon, Guillaume Canet, Benno Fürmann, Michel Serrault, Alex Ferns
  • Duración: 1 hora 55 minutos

    ARGUMENTO.-
    A película está inspirada nunha historia real que se desenvolveu durante a I Guerra Mundial, o día de Noiteboa de 1914. Cando comeza a guerra, en pleno verán de 1914, sorprende e arrastra a millóns de homes. E despois, chega o Nadal, coa súa neve e os seus miles de regalos enviados polas familias e os Estados Maiores. Pero a sorpresa non virá nos xenerosos paquetes que cubren as trincheiras francesas, escocesas e alemanas. Esa noite, un incrible acontecemento transformará para sempre o destino de catro personaxes: un pastor escocés, un lugartenente francés, un tenor alemán e unha soprano danesa - as "stars" da época - que aproveitando a Noiteboa de 1914, se atoparán inmersos nun episodio de fraternización sen precedentes entre soldados alemáns, franceses e británicos. Deixarán o fusil ao fondo das súas trincheiras para ir a ver ao soldado de enfrente, estreitarlle a man, intercambiar con él un cigarriño ou chocolate e desexarle unha moi "Feliz Navidad".

Non perdas a oportunidade

Non podes deixar pasar unha oportunidade que che brinda a Biblioteca do Colmeiro. Trae un CD e lévate para a casa as dúas curtametraxes españolas nominadas aos Oscars 2007: BINTA Y LA GRAN IDEA e ÉRAMOS POCOS.

A primeira delas resulta especialmente interesante, porque pode dar unha perspectiva nova ao sentido da túa vida como estudante. Atrévete!!!

LinkWithin