(...) e así ardín todos e cada un dos manuscritos, cando a súa publicación estaba confirmada. Se as miñas letras tiñan que circular entre os seus contemporáneos, a súa vida máis espida, a súa —por así dicilo— íntima simbiose coa desaparición debería ser seccionada e ofertada no solsticio de verán ás potencias do Averno, á Terra e aos gases que fan posíbel a existencia
de tal forma que todo o que escribira puidera ser considerado como unha materia que habita en mundos diferentes —cabeza de loba—
Isto —concluíu— é o estatuto ou territorio dun poeta
poeta é unha humana calquera.
Malia que a algúns os cega a claridade do alustro, tamén a outras as cega a cicatriz da noite
—teño que consideralo, o que ti denominas un ego deliberadamente esquizo... Mira, eu partía de núcleos distribuídos ou bifurcados, nos que un corte mantén e divide un rostro siamés, bifronte
entón concibo o eu non precisamente como unha dislocación senón como ese argumento que sostén as partes (o eu sería a quinina do insecto, as cambiantes e nunca apreixábeis augas do río, o fiel da balanza). Dunha banda o así chamado "estado de natureza"; doutra a sintaxe, pero fluíndo ambos e dous, o un na outra
abismo que, como non ignoras, remite á fenda do sexo nas femias, abríndose cara aos labios da carne
tan diferente ao falo que se ergue cara a un infinito, amparado pola dilatación dos capilares sanguíneos
serían as voces deste eu un rexistro que non pasa polos pulmóns, comunmente chamadas palabras de cabeza, que parten da cabeza, que pasan polos seos sen apoiarse no diafragma,
que é un transformarse da notación musical en muller, como a voz dun contratenor (inglés) puro
Cando cabeza abaixo navegaches a nai
como da marmaña de pensamentos dun día, cando a resumimos para unha amiga, destacamos os de interese común, así extraemos do tempo porcións; extractámolas como os mariñeiros de Galicia retiraban o fuel dos mares de Galicia: coas mans
iso que rescatas
inesquecíbel
excluído da lei porque a súa existencia non pode ser sacrificada, pero si suxeita ao homicidio
toda comunidade biopolítica (toda Galicia, ti e mais eu que nos bebemos cos ollos) é un lager
do libro inédito HORDAS DE ESCRITURA
2 comentarios:
e se Galicia é un laguer, quen serán os capos?
bueno..eu non é que queira facerlle competencia a Chus Pato, pero...parecéme interesante escribir un comentario ( si, dixen interesante! non porque alguén mo pedira insistentemente)
Pois a verdade é que o estades currando eh!! como cambian as cousas dun ano para outro! pois veña...seguide así....e pronto teredes outr comentario, dalgún libro, poeta, película, cea de clase, etc etc etc...jejejeje, un besiño e ata pronto!!!:)
Publicar un comentario