27/5/10

Os Maia (II)


“Os Maia” conta a historía dunha rica familia portuguesa a través de dous dos seus membros, Afonso da Maia e o seu neto, Carlos da Maia, ao longo dunha boa parte do século XIX. O autor disecciona a “boa” sociedade portuguesa con grandes doses de ironía e mordacidade, acadando momentos que rozan o esperpento como cando Joao de Ega, amigo de Carlos, disfrazado de demo, acude á casa da súa amante, Raquel, esposa dun banqueiro xudeu, a unha festa de disfraces e é despedido case a puntapés polo traizoado marido, disfrazado, a súa vez, de beduino, en presenza dos seus invitados, moi guapos eles, ataviados de oso e margarita, de tal modo que o drama deriva en opera bufa.


Enfrontado á visión soñadora e idealizadora da literatura romántica e dende unha concepción realista, o autor levanta acta do que ve: un país, un tempo, unha clase…como se dun documento de tratara, como se a novela fora un instrumento científico no estudo da realidade. Instrumento que tamén se utiliza para a crítica social, que revela o desexo de Eça de Queiros de que o seu país, Portugal, saia do seu atraso e se incorpore á modernidade. De todos os xeitos, a pesar de ser partidario do Realismo, o autor non pode substraerse de todo da influencia do Romanticismo e así a historia de amor de Carlos e María Eduarda está pragada de elementos románticos: idealización dos protagonistas ( belísimos él e ela tanto no físico como no moral), idealización dos sentimentos ( amor pleno e total), influencia tráxica do destino…
Agora que se achegan as vacacións e teremos máis tempo para ler, Os Maia é unha boa opción que espero que non vos defraude.

No hay comentarios:

LinkWithin