" O director do Centro Penitenciario, un individuo pálido e indeciso chamado Abbate, atribuíume persoalmente as funcións de responsable da Biblioteca. Agradecinllo de xeito monosilábico. con absoluta austeridade adxectiva e adverbial. Son unha persoa educada, respectuosa coas boas formas, pero tampouco deixo de observar que a actitude do Abbate responde a unha curiosidade enfermiza e servil. Non é frecuente que o director chame ao seu despacho a algún dos internos. De o facer, semella evidente que debería ser por unha causa gravísima, talvez un motín aínda non sufocado ou a comunicación dalgunha traxedia familiar; nunca, en todo caso, unha cuestión pueril coma o nomeamento de bibliotecario. A explicación é ben sinxela e pouco reconfortante para un funcionario público que teña un mínimo aprecio pola súa dignidade persoal. O director mandoume chamar polo pracer, probablemente ubicado nas reviravoltas do intestino, de conversar cara a cara con Claudio Sampaio, o célebre mafioso, sen dúbida o preso máis coñecido da cadea, un individuo con sona de sinistro, frío e implacable."
- Os nomes do traidor.
- Autor : Xurxo Sierra Veloso.
- Editorial Xerais, 201 páxinas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario