30/3/08

Roald Dahl

dahl.jpgNo mes de marzo lemos no Club de Lectura "Fahrenheit 451" o libro de Roald Dahl Charlie e a fábrica de chocolate. Roald Dahl é un dos escritores británicos de libros para nenos máis populares pero no só escribiu para nenos, é tamén un autor moi admirado entre o público adulto. A súa vida foi bastante peculiar. Naceu en Gales en 1916. Os seus pais eran noruegueses e sempre estivo moi unido a ese país. De feito, a súa primeira lingua foi o noruegués.

De moi novo morreulle o seu pai pero a súa nai non volveu con el para Noruega senón que quedaron en Gran Bretaña para que puidese recibir unha educación británica tal e como quería o seu pai. Roald estivo en varios colexios ingleses onde lle aprenderon o que era a verdadeira “disciplina inglesa”. A súa nai preocupábase moito porque ás veces era demasiado duro. Pero tamén fixo moitos amigos e viviu anécdotas moi divertidas.

Logo de deixar a escola, entrou a traballar para a Shell, unha compañía petrolífera. Nuns anos mandárono destinado a Tanzania, onde traballou bastante tempo, o que lle deu ocasión de coñecer ese territorio e aprender unha lingua máis: o suahili. Alí colleuno o estoupido da Segunda Guerra Mundial (1939). Dahl quixo participar coma piloto no exército do aire británico (RAF). Case non o collen porque era demasiado alto (1'96 m.) Pasou parte da guerra pilotando cazas contra os italianos no deserto de Libia. Tivo un accidente bastante grave que case o deixa cego pero rematou a guerra como oficial de alto rango. Todas estas aventuras cóntaas no libro: Voando só.

Cando rematou a guerra foi enviado como oficial aos Estados Unidos. Alí coñeceu a súa muller, Patricia Neal, unha actriz americana. Casaron e tiveron cinco fillos. Traxicamente unha filla morreu de sarampelo e outro fillo sufriu unha grave enfermidade. Nos anos 60 volveron dos Estados Unidos a Inglaterra e establecéronse nunha casiña no campo. Roald tiña outra pequena casiña no xardín onde se metía a escribir. Alí foi onde creou moitos dos seus mellores libros.

Ademais de libros, Roald participou na escrita de varios guións cinematográficos coma por exemplo a película de James Bond Só se vive dúas veces e as adaptacións ao cine das súas propias obras.

Unha das cousas que fai os libros de Roald Dahl únicos é o uso do humor negro e da violencia. Dahl sabe sacar un sorriso de situacións que en principio poderían parecer tráxicas. Poderías atopar algún exemplo de humor negro e violencia no libro de Charlie e a fábrica de chocolate?

Outra das características dos libros de Dahl é que sempre nos presenta a historia dende o punto de vista dun neno, pero non por iso pasa a ser unha visión infantil ou parva.

No hay comentarios:

LinkWithin