18/3/08

Espazos para a lectura

Este é o título que preside o último número de Fadamorgana : Espazos para a lectura. Ó longo da revista aparecen reflexadas interesantes opinións de persoas vinculadas ó mundo da literatura (escritores, bibliotecarios...) e que aportan experiencias e comentarios relativos ó fomento da lectura nos centros educativos. De entre eles, gustariame destacar dous artigos: "Próxima estación:esperanza. A lectura na educación secundaria" de Agustín Fernández Paz e "Como dinamizar a biblioteca escolar" de Beatriz Osés. No primeiro deles podemos ler :" A educación da mocidade do século XXI pasa, de xeito inevitable, pola lectura. Se a consideramos unha urxente necesidade pública e privada, se estamos convencidos de que "a defensa e a promoción da lectura son básicas para o enriquecemento persoal da cidadanía e para o fortalecemento dunha sociedade libre que exerza con plenitude os seus dereitos civís e democráticos" (tal e como aparece no Preámbulo da Lei 17/ 2006, de 27 de decembro, de libro e da lectura de Galicia ), entón non podemos esquecer a transcendencia que ten o noso traballo cos libros na aula, que pode parecernos cativo, mais que sempre é esencial".
Polo que se refire ó segundo artigo mencionado e, despois de falar dos recursos materiais e humanos, da participación da comunidade educativa..., lemos o seguinte, na parte final : " Anímase a ler lendo, deixando ler, propiciando espazos para a lectura silenciosa na clase, para a lectura colectiva, para iniciar novelas, para ser un personaxe, para recitar un poema, para comentar un artigo xornalístico, para consultar unha enciclopedia, para permitir que convivan as lecturas obrigatorias coas voluntarias abrindo un tempo para o libro. Anímase a ler entendendo que cada lector é único e que debe ter liberdade para elixir a súa memoria lectora, sen que por iso deixemos de orientar sobre lecturas de calidade literaria".
  • FADAMORGANA. REVISTA GALEGA DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL.
  • NÚM.12 INVERNO 07/08.
  • Director: Xosé A. Neira Cruz.
  • revista.fadamorgana@yahoo.es

No hay comentarios:

LinkWithin