sábado, abril 14, 2007

Obradoiro de animación á lectura

Nos meses de abril e maio a Fundación Eugenio Granell aposta pola realización dun obradoiro de aproximación ó mundo da literatura.
Músico, escritor político, periodista, escultor e sobre todo pintor, de Eugenio Granell non podemos esquecer a súa faceta como novelista. En relación coa actividade literaria do artista, nesta ocasión a fundación recollerá este proxecto dentro do cal dita aproximación será estudada dende dúas das súas vertentes. Por unha banda incentivar a lectura e pola outra familiarizar os participantes co proceso creativo literario.
O obradoiro será impartido por Antía Otero (A Estrada,1982) unha das caras máis novas dentro da poesía galega actual, é tamén vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que nesta ocasión leva a reflexión artística a un ámbito máis pedagóxico para achegalo a un público máis novo.

A través da percepción de textos elixidos, dos que o poema e o conto infantil terán maior protagonismo, xunto con imaxes e fragmentos musicais, búscase que os participantes acaden unha comprensión e interpretación das diferentes propostas de traballo. A familiarización co mundo literario, terá lugar aunando o corporal e o perceptivo, contando con materiais de traballo que o neno xa coñece para deste xeito acadar a través da experimentación a creación literaria.

O taller está destinado a nenos de entre 10 e 15 anos. En horario de 6 a 7.30. Terá lugar os luns 30 de abril e o 7, 14, 21 e 28 de maio e 4 de xuño. O prezo por participante será de 30 € e o número de prazas por taller será de 15 nenos.

No hay comentarios: