jueves, marzo 01, 2007

Memorias dunha geisha

Ana Corral Alonso de 2º BC recomenda este libro porque...

Este libro relátanos a historia ficticia pero ben documentada dunha rapaza arrincada do seu fogar e das súas raíces para ser vendida a unha okiya, onde, dun xeito tráxico, sofre desgrazas e penurias antes de se converter nun deses seres máxicos e vistosos tan característicos do antigo e esplendoroso Xapón. Sayuri, así é o nome de geisha da protagonista, transfórmase nunha das geishas máis famosas da súa rexión e, deixando atrás un pasado cheo de tormentos e desenganos, loita por chegar a ser a perla máis relucente dun imperio que, a principios do século XX, desmorónase baixo o bafo ardente da guerra. Amor e desamor, desexo e deber, lícito ou ilícito… unha serie de contrastes, de extremos que nunca se tocan é no que se converte a vida desta muller quen, grazas a súa simple e acuosa mirada é capaz de facer caer ao chan a un home ou conquistar o corazón desprotexido de calquera que se atreva a mirala.

“Memorias dunha geisha”
é un libro cargado de luces e sombras que se mesturan en cada liña en forma de esperanzas e desventuras. Seductora sería unha palabra axeitada para describir como o autor foi capaz de tecer unha historia fantástica e embriagadora dende a primeira ata a última páxina. É unha obra sen dúbida para desfrutar e, de paso, aprender a ampliar os nosos horizontes mentras nos mergullamos na vida duns máxicos seres nunha época tan díscola.

"Memorias de una geisha"
Arthur Golden
Ed. Punto de lectura

1 comentario:

Anónimo dijo...

A min tamén me gustou moito ese libro. Lino despois de ver a película, porque me interesou o tema.