25/11/11

Contra a Violencia de Xénero (III)

Hoxe celébrase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Dende a Biblioteca levamos a cabo unha serie de actividades que presentamos de xeito resumido cunha pequena montaxe.

Queremos agradecer moi especialmente a presencia no noso centro de Ofelia Lema Villar, que na actualidade está a rematar Criminoloxía na USC, a súa excelente charla sobre o tema e ademais proporcionounos moito material a alumnos e profesores .

Tamén agradecemos o texto elaborado pola alumna de 4º de ESO A, Paula Gamallo, especialmente sensibilizada con este tema, e que reproducimos a continuación.

"Verdadeiramente todos estamos concienciados do feito de que, no noso país, coma no resto do mundo, sucedan a miúdo casos de violencia de xénero. Os medios de comunicación, como por exemplo o telediario, mostran día a día un novo exemplo de violencia machista na que a muller, polo xeral, é asasinada dunha maneira ou doutra.
En certo modo, a información atópase a disposición da sociedade, co paso do tempo avánzase e todos imos coñecendo máis sobre este tema, pero eu quero dar lugar a unha pregunta: TOMAMOS VERDADEIRAMENTE EN SERIO TODOS ESTES FEITOS DE DISCRIMINACIÓN CARA A MULLER OU SIMPLEMENTE SENTIMOS CERTA PENA POLAS VÍCTIMAS, EVADÍNDONOS COA IDEA DE QUE NON ACONTEZA O NOSO ARREDOR?
O primeiro que debemos ter claro é que a violencia de xénero non so engloba os golpes, insultos... Este concepto vai moito máis alá e, na sociedade na que vivimos, a pesar de todos os adiantos que existen, a discriminación cara a muller segue sendo un feito e existe en cada mínimo detalle das nosas vidas: nos medios de comunicación (anuncios, programación sexista...); na educación infantil, que é onde aparecen os primeiros indicios cara á desigualdade, debido á educación impartida polas familias na que o rol da muller é sempre diferente ao do home, os xoguetes son calificados para a nena ou o neno, a influencia dos amigos e de como se comportan os demais. Tamén na ocupación de postos de traballo está demostrado que o home exerce sempre cargos moito máis importantes e mellor remunerados que a muller, a pesar de seren máis as mulleres nas universidades.
Todos estes exemplos, aos que a maior parte da sociedade non dá suficiente importancia, dan lugar á resposta da pregunta plantexada anteriormente e é que todos deberiamos concienciarnos de que aínda nos queda moito por avanzar para acadar a igualdade plena entre homes e mulleres e que, na medida do posible, teriamos que contribuir á inserción absoluta da muller na sociedade e tentar abolir por completo todo indicio de discriminación cara a ela. A axuda está nas túas mans, ti decides".

Contra a Violencia de Xénero (III) on PhotoPeach

No hay comentarios:

LinkWithin