1/4/08

Día do Libro Infantil e Xuvenil


Dende 1965 o International Board on Books for Young People (IBBY) instituiu o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, en lembranza de Hans Christian Andersen, autor de "A sereíña", "O soldadiño de chumbo"...

Cada ano, un país membro da organización elabora e edita o cartel conmemorativo. Este ano foi Tailandia e no ano 2010 será España quen leve a cabo esta tarefa.

A OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil), despois de estudar os hábitos de lectura en España, di que os rapaces que teñen entre 10-13 anos, len de media 8 libros de ficción ó ano, incluindo os que lle mandan no colexio. Así, o 84,5% dos menores considéranse lectores e un 4% non le nunca.

OQO Editora recibirá hoxe unha mención honorífica no Bologna Ragazzi Award, o Premio da Feira do Libro Infantil de Bolonia (Italia), un dos máis importantes galardóns do mundo no campo da Literatura Infantil e Xuvenil e que a convirten na primeira editorial galega que consegue esta mención especial. Tamén recibirá o recoñecemento dos White Ravens pola obra "Ovos duros", conto popular do Magreb adaptado por Marisa Núñez e ilustrado por Teresa Lima ( Premio Nacional da Ilustración en Portugal).


Probablemente o mellor xeito de celebrar esta data sexa a de achegarse á biblioteca e ler un dos moitísimos libros, de autores clásicos e contemporáneos, cos que podemos aprender sempre e recrear outros mundos. A lista sería interminable, así que citaremos , entre outros moitos, a Marilar Aleixandre, Antoine de Saint -Exupéry, Roald Dahl, Mariasun Landa, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Elvira Lindo, Jordi Sierra i Fabra, ...

No hay comentarios:

LinkWithin