19/5/08

El asombroso viaje de Pomponio Flato

Teñen pasado máis de trinta anos dende que Eduardo Mendoza (Barcelona,1943) escribira La verdad sobre el caso Savolta, que seguramente lembrarán os nosos alumnos de 2º de Bacharelato , ó ser unha das lecturas do presente curso. Nela mestúranse a intriga, a ironía, as diferencias sociais, os movementos obreiros, a cidade de Barcelona , os saltos no tempo, ... É unha obra complexa que o lector ten que ir reconstruindo pouco a pouco e que, como toda novela policiaca que se precie, desvela a solución do enigma nas páxinas finais do relato.
Despois de recibir o Premio da Crítica (1975) por esta obra, a súa traxectoria foi consolidándose con outras moitas ( El misterio de la cripta embrujada, La ciudad de los prodigios, Mauricio o las elecciones primarias...) e tamén co recoñecemento nacional e internacional (Premio Cidade de Barcelona, Premio ó Mellor Libro Estranxeiro... ).

En marzo desde ano publicou El asombroso viaje de Pomponio Flato, un libro breve, irónico e divertido co que seguramente pasemos un bo rato. A personaxe principal, que dá nome á historia, é un home singular que viaxa polo mundo adiante tentando atopar certas augas milagrosas . Realmente, o que atopa polo camiño son augas que lle causan bastantes molestias (non temos máis que ler os comentarios que lle fai ó seu receptor,Fabio,nas liñas iniciais do relato).
A ironía é unha característica fundamental nesta historia, dende o nome das personaxes ( Pomponio Flato, a Lexión Fulminata, Teo Balas, o soldado Quadrato...) ata as mesmas situacións que se plantexan nela ( Xosé, un carpinteiro de Nazaret, que vai ser acusado dun crime, ten un fillo que se chama Xesús, a súa nai é Maria...) ata os propios diálogos . Así, na páxina 172 Xesús dille a Pomponio : (...) "estuve afligido y me consolaste, necesité un consejo y me lo diste, estuve en peligro y me socorriste, buscaba un investigador privado y te hiciste cargo del caso". Unhas liñas máis abaixo podemos ler: " En el transcurso de la cena nos dijo que su nombre completo era Judá Ben -Hur, que no tenía nada que ver con los movimientos separatistas y que su única afición eran las carreras de cuádrigas".
Ás veces a realidade e a ficción mestúranse na mente do protagonista e este xa non sabe se está desperto ou non (lembremos o episodio de Filipo-Febo, cara ó final da novela).

No hay comentarios:

LinkWithin