8/12/08

Mal de escola

Gustoume moito este libro de Daniel Pennac ( Casablanca, 1944), baseado nas súas propias experiencias como o mal alumno que foi ó longo da súa vida académica e que, co paso do tempo, logrou converterse nun estudante que acadou unha licenciatura universitaria, nun profesor preocupado polos seus alumnos e nun escritor de éxito.

Son moitas as cuestións que se tratan no libro, sempre dende a óptica dos chamados malos estudantes e tamén dende a do profesor experimentado que coñece o sistema educativo e tenta reflotar ó seu alumnado, desmotivado, cunha baixa autoestima... El mesmo di que agradece sobre todo a influencia de varios dos seus profesores, namorados do seu traballo, que tiveron paciencia con el, que lle esixiron,... todo o que fixeron por despertar nel o mundo do coñecemento. Comenta tamén ó longo da obra a importancia da lectura neste proceso. As páxinas finais (299-301) , no bloque que leva por título "O que significa amar" , son unha especie de resumo das súas ideas sobre o papel do profesor

Aínda que poida resultar un pouco longa esta reseña, non me resisto a reflexar aquí as palabras que aparecen nas páxinas 69-70 do libro : " Os nosos "malos estudantes" (alumnos cualificados sen posibilidades) nunca veñen sós á escola.
Na clase entra unha cebola: algunhas capas de tristura, de medo, de inquietude, de rancor, de cólera, de ganas insatisfeitas, de renuncia furiosa, acumuladas sobre un fondo de pasado vergoñento, de presente ameazador, de futuro condenado. Mirade, velaí chegan co seu corpo nas medras e a súa familia na mochila. A clase non pode comezar realmente até que pousaron o fardo no chan e a cebola está pelada. É difícil de explicar, pero unha soa mirada ás veces abonda, unha palabra condescendente, unha palabra de adulto que confía, clara e estable, para disolver estas penas, aliviar eses espíritos, instalalos nun presente rigorosamente indicativo.

Naturalmente, o benestar será provisorio, a cebola recompoñerase á saída e sen dúbida haberá que comezar ó día seguinte. Pero iso é ensinar: é volver comezar até a nosa necesaria desaparición como profesor. Se fracasamos en instalar o noso alumnado no presente indicativo da nosa clase, se o noso saber e o gusto por empregalo non prenden neses mozos e nesas mozas, no senso botánico do verbo, a súa existencia abaneará sobre as fochancas dunha carencia indefinida. Por suposto, no teremos sido os únicos en cavar esas galerías ou en non saber enchelas, pero estas mulleres e estes homes pasarán un ou varios anos da súa mocidade alí, sentados perante nós. E non é nada un ano de escolaridade perdido : é a eternidade nun acuario".
  • Mal de escola.
    Autor : Daniel Pennac.
  • Editorial Xerais, 301 páxinas.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Eu lino e pareceume moi esclarecedor. Di cousas que moitas veces pensamos.. . aínda que ao final do libro se lle desvía un pouco en cuestións quizais demasiado persoais, é un libro con reflexións máis que interesantes para o profesorado e incluso para o alumnado. Xosé Rodríguez

LinkWithin