14/5/08

Letras galegas

Facendo un pouco de historia, o Día das Letras Galegas xurdiu no ano 1963, como unha proposta feita por tres membros da RAE. Así, o 17 de maio serviría para "recolle-lo latexo material de actividade intelectual galega".

Por outra banda, nesta data conmemorábase o centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, "a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea".

Ata o de agora, dende o ano 1963, tense dedicado este día a 46 autores. Como sería excesivo facer un listado de todos eles, propoñémosvos o seguinte:contestar a unha serie de preguntas relacionadas cos premiados durante todos estes anos.

.1.- ¿Cantas mulleres foron premiadas ata o de agora? (Ademais do seu nome tedes que indicar o ano no que recibiron a distinción).

.2 .- ¿Que autores escribiron os seguintes textos? (Podemos aplicar o comentario anterior e engadir a obra á que pertencen).

.2.1 .- "Foi na casa de madame Clementina onde se atoparon as libretiñas con tapas de pel de coello que me serven agora para escribir estas crónicas, tomando o mais do que nelas estaba apuntado; nestas crónicas van puntualmente relatadas as aventuras que correu Charles Anne desde o ano mil setecentos noventa e sete".


.2.2.- "Ninguén sabe que cousa
é ese cativo ser que nos rebole
polos rincóns da alma,
que nos fere
cunha risada e nos aqueda logo
co acenar da manciña; que nos enche
de degoiros sin nome, e nin sequera
el mesmo ten un nome, unha palabra
que abonde pra chamalo cabalmente".

.2.3.- "Rañolas era un home tan grande que con dous libros que meteu na cachola tivo dabondo para latricar de todo, e Pedro quedábase pasmado diante da súa sabencia. Os problemas máis ensarillados non tiñan segredo para el con tal de que lle desen tempo para profundar. A cada intre xurdíalle nos miolos un pensamento profundo".

2 comentarios:

Anónimo dijo...

O último texto é de Castelao, de "Os dous de sempre". Adicouselle o Día das Letras Galegas en 1964.

Anónimo dijo...

As mulleres premiadas creo que foron tres: Rosalía de Castro (1963), Francisca H.Garrido (1987) e María Mariño, o ano pasado.

LinkWithin