26/5/08

Boas novas para o mundo editorial


No diario "El País" do sábado, podemos ler o seguinte titular: "Al libro le sienta bien la crisis" (páx.44, na sección de Cultura). A noticia é excelente, desde logo, para todos aqueles ós que nos gusta ler e tentamos achegar a todo o mundo, sobre todo ós nosos alumnos/as, o que se agocha detrás dun libro : a literatura de calidade, o coñecemento doutras culturas, o enriquecemento persoal, a mellora da nosa capacidade crítica...

No artigo analízanse polo miúdo as causas que levan a facer esta afirmación e, entre elas, destacan as seguintes:

- O aumento do índice de lectura ( o 57% no caso dos homes, e o 60% no das mulleres). Jesús Ruiz Mantilla, o autor do artigo, di que "aínda queda para acadar o 90% de Finlandia".
- As novas estratexias editorias baseadas nun márketing "sofisticado, agresivo e invasivo".
- A diversificación do mercado.
- A importancia de Internet ("Cada vez dominamos mellor a venta por Rede", di M. Chevalier, responsable da Confederación Española de Libreiros).
Sen caer no triunfalismo, e, polos datos que aquí aparecen, podemos dicir que estamos na boa dirección. Parece que está claro que continuar nesta liña depende de nos e, dende as bibliotecas escolares, podemos axudar a consolidar hábitos, suxerir lecturas por medio dos itinerarios lectores, incidir na importancia dos libros ó longo da nosa vida e traballar con todo tipo de textos para que cada un escolla o seu propio camiño.
.Fonte consultada: Diario "El País" (sábado 24 de maio de 2008).

19/5/08

El asombroso viaje de Pomponio Flato

Teñen pasado máis de trinta anos dende que Eduardo Mendoza (Barcelona,1943) escribira La verdad sobre el caso Savolta, que seguramente lembrarán os nosos alumnos de 2º de Bacharelato , ó ser unha das lecturas do presente curso. Nela mestúranse a intriga, a ironía, as diferencias sociais, os movementos obreiros, a cidade de Barcelona , os saltos no tempo, ... É unha obra complexa que o lector ten que ir reconstruindo pouco a pouco e que, como toda novela policiaca que se precie, desvela a solución do enigma nas páxinas finais do relato.
Despois de recibir o Premio da Crítica (1975) por esta obra, a súa traxectoria foi consolidándose con outras moitas ( El misterio de la cripta embrujada, La ciudad de los prodigios, Mauricio o las elecciones primarias...) e tamén co recoñecemento nacional e internacional (Premio Cidade de Barcelona, Premio ó Mellor Libro Estranxeiro... ).

En marzo desde ano publicou El asombroso viaje de Pomponio Flato, un libro breve, irónico e divertido co que seguramente pasemos un bo rato. A personaxe principal, que dá nome á historia, é un home singular que viaxa polo mundo adiante tentando atopar certas augas milagrosas . Realmente, o que atopa polo camiño son augas que lle causan bastantes molestias (non temos máis que ler os comentarios que lle fai ó seu receptor,Fabio,nas liñas iniciais do relato).
A ironía é unha característica fundamental nesta historia, dende o nome das personaxes ( Pomponio Flato, a Lexión Fulminata, Teo Balas, o soldado Quadrato...) ata as mesmas situacións que se plantexan nela ( Xosé, un carpinteiro de Nazaret, que vai ser acusado dun crime, ten un fillo que se chama Xesús, a súa nai é Maria...) ata os propios diálogos . Así, na páxina 172 Xesús dille a Pomponio : (...) "estuve afligido y me consolaste, necesité un consejo y me lo diste, estuve en peligro y me socorriste, buscaba un investigador privado y te hiciste cargo del caso". Unhas liñas máis abaixo podemos ler: " En el transcurso de la cena nos dijo que su nombre completo era Judá Ben -Hur, que no tenía nada que ver con los movimientos separatistas y que su única afición eran las carreras de cuádrigas".
Ás veces a realidade e a ficción mestúranse na mente do protagonista e este xa non sabe se está desperto ou non (lembremos o episodio de Filipo-Febo, cara ó final da novela).

16/5/08

Día das Letras Galegas


Recollemos aquí algunhas das actividades de fomento da lectura e en conmemoración do Día das Letras Galegas, que se van levar a cabo ó longo da nosa xeografía nas vindeiras datas :

- Ata o día 20 de maio poderá visitarse no noso centro a exposición itinerante que leva por título "Biblioteca dos libros fantásticos".

- Mañán, celebrarase un Acto literario musical do Día das Letras Galegas no Milladoiro, e ata o 30 de maio haberá unha exposición que leva por título Vida e obra de Álvarez Blázquez ( na Casa da Cultura).

- En Arzúa, tamén mañán, celebrarase o concurso Tes a palabra.

- En Brión, ata o 30 de maio, poderemos asistir á XVIII Feira do Libro. Mañán haberá unha actividade, na carballeira de Santa Minia, que leva por título As Letras na Carballeira.

- En Ordes, coincidindo co Día das Letras, elixiranse ós poemas gañadores da VIII Edición do Certame da Poesía das Letras Galegas. A entrega de premios levarase a cabo nun acto literario na alameda municipal no que os gañadores leran as súas obras.

- En Oroso, ata o día 19 de maio, poderemos disfrutar dunha serie de actividades como a Entrega de premios do IV Concurso de Marcapáxinas, Cuentos con Kalandraka, Sesións de recitación da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez e unha Exposición sobre o autor ( no Centro Cutural Fernando de Casas e Novoa).

- En Touro, terá lugar o Concurso de Carteis Letras Galegas.

Esta é só unha pequena mostra do traballo feito e do que se vai levar á práctica nestes días. Aínda que, como sabemos, unha das mellores maneiras de conmemorar esta data sexa lendo a súa obra e participando activamente nos actos que lembran a súa memoria.

. Fonte consultada : www.tierrasdesantiago.com

15/5/08

Ray Bradbury


Ray Douglas Bradbury (nado o 22 de agosto de 1920 en Waukegan, Illinois) é un escritor de ciencia fición e de misterio.

Coñecido polos seus relatos breves de 1950 que deron lugar á colección de Crónicas Marcianas publicadas en 1950. É coñecido sobre todo pola súa novela Fahrenheit 451, que dá nome ao noso club e que leremos neste mes. Describe un mundo no que os libros están prohibidos e o pensamento crítico é perseguido. Tanto esta novela coma a colección de Crónicas Marcianas están traducidas ao galego.

Naceu de nai sueca e pai americano. O seu avó e bisavó foran editores de xornais. Dende pequeno rebelouse coma un ávido lector e incipiente escritor. Os seus primeiros dous libros Dandelion Wine e Something Wicked This Way Comes representan a cidade de Waukegan como “unha vila verde” e son autobiográficos. A familia de Bradbury viviu en Tucson, Arizona, dende 1926 a 1927 e dende 1932 a 1933, retornando sempre a Waukegan. Finalmente trasladáronse a Los Ángeles, California, en 1934 cando tiña trece anos.

Estudou ata bacharelato nesta cidade pero decidiu non ir á universidade. Para vivir tivo que dedicarse a vender periódicos, formándose a si mesmo nos lugares dos que sempre máis gustou, as bibliotecas. Influenciado polos heroes de ciencia ficción coma Flash Gordon e Buck Rogers, Bradbury comezou a publicar contos de ciencia fición en fanzines en 1938. A escribir como medio de vida dedicouse dende 1942. O seu primeiro libro, a colección Dark Carnival, foi publicado en 1947. Casou con Marguerite McClure en 1947, e ten 4 fillas.

Os filmes Chegou do espazo exterior (1953) de Jack Arnold, Fahrenheit 451 (1966) de François Truffaut e O ruído do trono (2005) de Peter Hyams están baseados nos textos homónimos de Ray Bradbury. Ademais, conta cunha páxina web oficial.

14/5/08

Letras galegas

Facendo un pouco de historia, o Día das Letras Galegas xurdiu no ano 1963, como unha proposta feita por tres membros da RAE. Así, o 17 de maio serviría para "recolle-lo latexo material de actividade intelectual galega".

Por outra banda, nesta data conmemorábase o centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, "a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea".

Ata o de agora, dende o ano 1963, tense dedicado este día a 46 autores. Como sería excesivo facer un listado de todos eles, propoñémosvos o seguinte:contestar a unha serie de preguntas relacionadas cos premiados durante todos estes anos.

.1.- ¿Cantas mulleres foron premiadas ata o de agora? (Ademais do seu nome tedes que indicar o ano no que recibiron a distinción).

.2 .- ¿Que autores escribiron os seguintes textos? (Podemos aplicar o comentario anterior e engadir a obra á que pertencen).

.2.1 .- "Foi na casa de madame Clementina onde se atoparon as libretiñas con tapas de pel de coello que me serven agora para escribir estas crónicas, tomando o mais do que nelas estaba apuntado; nestas crónicas van puntualmente relatadas as aventuras que correu Charles Anne desde o ano mil setecentos noventa e sete".


.2.2.- "Ninguén sabe que cousa
é ese cativo ser que nos rebole
polos rincóns da alma,
que nos fere
cunha risada e nos aqueda logo
co acenar da manciña; que nos enche
de degoiros sin nome, e nin sequera
el mesmo ten un nome, unha palabra
que abonde pra chamalo cabalmente".

.2.3.- "Rañolas era un home tan grande que con dous libros que meteu na cachola tivo dabondo para latricar de todo, e Pedro quedábase pasmado diante da súa sabencia. Os problemas máis ensarillados non tiñan segredo para el con tal de que lle desen tempo para profundar. A cada intre xurdíalle nos miolos un pensamento profundo".

13/5/08

Xosé Mª Álvarez Blázquez



Uns días antes de que se celebre o Día das Letras Galegas, a biblioteca quere lembrar a figura do autor elixido este ano a través dos seus versos. Recollemos aquí unha pequena mostra da súa producción poética pertencente ó libro que leva por título Roseira do teu mencer, dedicado a súa primeira filla. É unha obra chea de tenrura e de natureza que nos lembra ás cancións populares que formaron parte dos nosos xogos cando eramos nenos.


Arco da vella
vaite de ahí
que as nenas bonitas
non son para ti.




Fuxe chuvia, fuxe sol
fuxe roda de color
que a veciña quer brincar
co as areas do areal.

12/5/08

Centenario de James Stewart

Probablemente foi un dos actores norteamericanos que encarnou como poucos ó home sinxelo, atribulado polos problemas da vida cotidiana (lembremos ¡Qué bello es vivir" de Frank Capra) , cunha certa inxenuidade noutros momentos, un bo compañeiro de viaxe ( "Dos cabalgan juntos" de John Ford) , un home virtuoso, en definitiva, que representou unha serie de valores de toda unha xeración.
Na biblioteca temos varias das súas películas :

- "Historias de Filadelfia" de George Cukor.
- "El hombre que mató a Liberty Valance" de John Ford.
- "¡Qué bello es vivir" de Frank Capra.
- "La ventana indiscreta" de Alfred Hitchcock.
- "Winchester 73" de Anthony Mann.


A min gústame no papel de Jeff , en "La ventana indiscreta", cando , cunha perna escaiolada e sen poder moverse, dedícase a curiosear dende a fiestra da súa casa a vida cotiá dos seus veciños, ata que atopa algo que lle chama a atención. Nun primeiro momento, ninguén cre as súas teorías, pero a medida que avanza a película as súas sospeitas confírmanse. Tamén me gusta a historia que se conta en "El hombre que mató a Liberty Valance", con John Wayne coma compañeiro de reparto. El é, aparentemente, un heroe pero a verdade é moi diferente.

8/5/08

Xosé María Álvarez Blázquez


Con motivo do Día das Letras Galegas , podemos acceder á colección de libros de "O Moucho" que son reeditados polo diario "El País". Entre os títulos que aparecerán nos vindeiros días , maioritariamente escritos por Xosé Mª Álvarez Blázquez, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas,podemos destacar os seguintes:

- Catecismo do labrego.
- O libro do amor.
- Sal e pementa.
- Os tesouros de Galicia
- A pega Rabilonga
- Cantigas do viño...
¿A qué libro pertence o seguinte texto? :
"A primeira visitar as bodegas d'os veciños.
A segunda ensinarlle o camiño d'a taberna ôs que teñen fame, e deixarse ir si convidan.
A terceira ensinarlle o camiño d'a fonte ôs que teñen sede.
A coarta redimirnos cando chegue o caso..."

3/5/08

Biblioteca de Libros Fantásticos


Para realzar a importancia do libro e da lectura nas nosas vidas, tendo en conta que acabamos de celebrar o Día do Libro e a proximidade do Día das Letras Galegas (17 de maio) , a partir do vindeiro luns 5 e ata o día 20 , imos ter a oportunidade de poder contar no noso centro coa Biblioteca de Libros Fantásticos, un traballo importante no mundo da narración oral e de animación lectora.

Cada un dos libros vai acompañado dun texto que narra o que lle sucedeu. Trátase de ver os libros dun xeito distinto e mesmo cada un pode aplicar esta experiencia ós seus propios traballos.









LinkWithin