7/5/07

Movémonos pola Paz...

Un dos temas que máis nos preocupan, entre outros, é a Paz, ou máis ben, a súa ausencia.

Somos os seres humanos incapaces de vivir en harmonía uns con outros?
Estaremos sempre buscando motivos para sacar as armas e matar?
Necesitamos a violencia como unha forma de vida?
É tan fácil dar as costas aos conflitos bélicos que asolan o planeta?
Nunca pararán estes?
O máis grave resulta saber que detrás de todas estas matanzas inxustas quen manda son os motivos económicos, ou políticos, que ao final convértense en poder. Poder de mandar, de decidir, de xogar coas vidas dos outros.
E por iso, este ano o noso centro lembrou a guerra civil, a inxusta represión daqueles que sufriron por ter tan só ideas diferentes, aqueles que foron asasinados por pensar outro mundo.
Pero non podemos esquecer esoutras guerras que, máis afastadas, acaban coa vida, coa esperanza, coa dignidade, de miles de persoa. Non podemos esquecer que seguen a existir guerras por pensar doutro xeito, por ter petróleo, ou por non telo. Non podemos esquecer que un continente tan castigado como África segue a sufrir non só a fame, a falta de auga, senón a represión e a morte de miles de seres queridos sen que a comunidade internacional sexa quen de intervir por mor de cuestións económicas. Non podemos esquecer que fomos nós, os occidentais homes brancos os que construímos fronteiras ficticias que supuxeron conflitos entre os seus habitantes primitivos. E non podemos esquecer que seguimos a dar as costas a eses conflitos.
Invitámoste a entrar na nosa páxina web para comprender de que estamos a falar. Alí coñecerás Darfur e o Chad, zonas onde miles de seres humanos están a ser exterminados. Alí entenderás por que parece máis fácil mirar para outro lado.

No hay comentarios:

LinkWithin